Sendo as 13,00 horas do día 18 de maio de 2007, reúnense na Pousada de Soutomaior os membros do xurado da XIII edición dos PREMIOS PEÑA NOVO, Dª. Marisol López Martínez, Secretaria Xeral de Política Lingüística, como Presidenta; D. Luís García Mañá, Xefe Superior de Policía de Galicia, premiado edición anterior; D. Xoaquín Monteagudo Romero, Secretario Xeral do Concello de Outes; D. Paulino Novo Folgueira, Xefe de Formación e Selección da CRTVG; D. Demetrio Fernández López, Presidente do Consello Galego de Relación Laborais e D. Carlos Suárez-Mira Rodríguez, Director Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, como vogais e actuando de Secretaria do xurado Dª. Carmen Pérez Vaquero, Secretaria da Fundación Lois Peña Novo, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, deciden outorgar os premios Peña Novo deste ano a:
D. ANTÓN SEOANE PAMPÍN, psiquiatra, pola súa traxectoria profesional no ámbito da medicina pública e pola súa acusada personalidade de médico comprometido cos valores culturais galegos. Considera o xurado que Antón Seoane representa ao médico humanista implicado na defensa da identidade cultural e lingüística de Galicia así como continuador da vella tradición que ten as súas orixes na escola médica compostelán, que tivo a Nóvoa Santos, Rof Carballo, García Sabell como figuras sobranceiras dunha pléiade de médicos que desenvolveron a súa actividade científica inserida na cultura, tradición e antropología galegas. Así mesmo, considerase que a súa figura como cualificado impulsor da música coa que se identifica a meirande parte do pobo galego, a través do grupo Milladoiro, fai que a cultura e lingua de Galicia sexa espallada a nivel internacional.
Á EMPRESA “CONSULTORA GALEGA, S.L.” porque apostou dende a súa creación, no ano 1979, polo galego como lingua de uso normal en todas as súas comunicacións e traballos empresariais, exercendo dese xeito un compromiso nidio con Galicia traducido na permanente posta a disposición das administracións e da poboación da súa experiencia e coherencia como grupo interdisciplinar, concretado no eido das transformacións ordenadas do territorio. Considera o xurado que esta identificación da empresa cos valores culturais e lingüísticos do País contribúe a normalización dos nosos sinais de identidade e sirve de estímulo e impulso para a normalización da nosa lingua noutros campos profesionais.
AO CONCELLO DE CATOIRA E A D. GONZALO NAVAZA, pola publicación da obra “TOPONIMÍA DE CATOIRA”. O xurado quere recoñecer a preocupación e compromiso do Concello de Catoira por animar este traballo de recuperación e investigación da súa toponimía, que representa un dos aspectos lingüísticos de identificación esencial entre as persoas e o seu entorno. Quere destacar tamén as posibilidades que ofrece este traballo para a divulgación dentro do Concello, potenciando o coñecemento e, por el, o afecto. Co recoñecemento a Gonzalo Navaza, o xurado valora a investigación sobre a toponimía de Catoira que é un ejemplo a seguir para outros Concellos. Con este premio quere aplaudirlle outras investigacións nesta materia e a súa implicación persoal e a través da Asociación Galega de Onomástica, por coñecer e dignificar o estudo dos nosos nomes de lugar.