Sendo as 13,00 horas do día 2 de xuño de 2006, reúnense na Pousada de Soutomaior, os membros do xurado da XII edición dos PREMIOS PEÑA NOVO, D. Benigno Sánchez García, Director xeral da CRTVG, como Presidente; D. Pablo Vaamonde García, Director xeral de Asistencia sanitaria da Xunta de Galicia, premiado edición anterior; Dª. Paz Filgueira Paz, Maxistrada do Xulgado de 1ª instancia e instrucción núm. 3 do Ferrol; Dª. Cristina Rubal González, Subdirectora xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; D. Adolfo Castro Carpintero, Secretario xeral do Concello de Mondariz-Balneario, como vogais e actuando como Secretaria do xurado Dª. Carmen Pérez Vaquero, Secretaria da Fundación Lois Peña Novo, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, acordan outorgar os premios deste ano a:
AOS XULGADOS núms. 1 e 2 DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN DE LALÍN, polo fomento e constancia no uso do galego en todo tipo de actuacións xudiciais, tanto nas escritas como nas orais. Polo seu compromiso cotiá, no que participan os funcionarios e funcionarias da oficina xudicial, galeguizando a actividade destas xurisdicións xudiciais. Considera o xurado que grazas ao impulso de ámbolos dous xulgados prodúcese un efecto contaxio noutras instancias administrativas e mesmo policiais, provocando deste xeito que desde elas se secunde a normalización lingüística.
A D. LUÍS GARCÍA MAÑÁ, Xefe Superior de Policía de Galicia: Polo seu entusiasmo e insistente pedagoxía na causa do galeguismo. O seu exemplo, sen precedentes na historia do Corpo Nacional de Policía, fai deste funcionario un referente para a normalización da lingua galega no ámbito policial. Se a isto se lle une o seu bo quefacer profesional, que é recoñecido por un amplísimo sector da sociedade galega, a súa actitude serve para que a promoción e fomento da lingua e cultura galegas estimule positivamente ao colectivo policial.
Á EMPRESA “R” DE TELECOMUNICACIÓNS, porque apostou desde sempre polo galego como primeira lingua de uso en todas as súas comunicacións empresarias. Esa aposta supuso un importante prestixio para un idioma que, desde moitos séculos, tivo como falantes unicamente ás clases populares. A Empresa “R” de Telecomunicacións contribúe pois, a identificar o prestixio que teñen as novas tecnoloxías coa lingua galega. Esta identificación da empresa cos valores culturais e lingüísticos, contribue á normalización dos nosos sinais de identidade.