Sendo as 12.45 horas do día 26 de maio de dous mil cinco, reúnense, na Pousada do Castelo de Soutomaior, os membros do xurado da XI edición dos PREMIOS PEÑA NOVO, D. Carlos Varela García, Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que actuou de Presidente; D. José Clemente López Orozco, Alcalde do Concello de Lugo, premiado edición anterior; D. Xosé Manuel Rodríguez-Abella, Xefe do Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela; Dª Carme Rodríguez Cerdeira, Xefa da Unidade de Dermatoloxía do Hospital do Meixoeiro de Vigo; D. Alfonso Rueda de Valenzuela, Director xeral de Administración local como vogais e actuando de secretaria do xurado Dª. Carme Pérez Vaquero, Secretaria da Fundación Lois Peña Novo, logo de deliberaren acordan conceder os premios Peña Novo nesta XI edición a:
Ó CONCELLO DE CAMBADOS, pola súa traxectoria en prol do emprego institucional da lingua galega nos diferentes ámbitos da administración lcoal, así como a súa proxección externa relacionada co mundo veciñal e a promoción económica da comarca do Salnés.
A DON PABLO VAAMONDE GARCÍA, pola súa traxectoria profesional no ámbito médico e administrativo relacionado coa súa actividade profesional de médico de familia, sen descoñecer outras das súas facetas como escritor, articulista, guionista de teatro, entre outras actividades nas que a promoción e a defensa da lingua de Galicia actúa como un dos seus principais referentes.
Ó PROXECTO TERRA DO COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA, pola súa contribución para que a cidadanía, e en especial as novas xeracións, perciban a arquitectura e o urbanismo como piares básicos da nosa cultura así como pola aportación que representa para a afirmación da nosa identidade como pobo.