Premios Lois Peña Novo 2004

    Premios Lois Peña Novo 2004

    Sendo as 12.45 horas do día 18 de maio de 2004 reúnense, na Pousada do Castelo de Soutomaior, os membros do xurado da X edición dos Premios LOIS PEÑA NOVO, D. Alfonso Álvarez Gándara, Decano do Colexio de Avogados de Vigo como presidente; Dª. Teresa García-Sabell Tormo, Concelleira de Relacións Institucionais do Concello de Santiago de Compostela; D. Modesto Hermida García, Inspector de ensino medio e escritor; D. Xosé Freire López, Secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía (S.U.P), D. Xabier Senín Fernández, Subdirector xeral de Promoción cultural da Xunta de Galicia como vogais e Dª. Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo que actuou de secretaria do xurado, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, acordan conceder os premios LOIS PEÑA NOVO nesta X edición a:

    Ó CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA: pola transcendencia dun labor corporativo eficazmente planificado de cara á extensión e mellora do uso do galego en tódolos ámbitos da administración de xustiza, así como en cada sector institucionalmente relacionado coa avogacía, traballo que redunda en feitos concretos e verificables como son o “Formulario básico de procedemento xudicial en lingua galega” ou o proxecto “Com-Forma” e mailo “Glosario de galego xurídico”, en avanzado proceso de elaboración, así como os premios xurídico-lingüísticos “Amando Losada e Pedro González” que concede anualmente. (No debate e votación desta proposta ausentouse D. Alfonso Álvarez Gándara por considerarse parte interesada).

    A DON CARLOS GONZÁLEZ HORRO, Fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra, pola súa constancia no uso do idioma do País en tódalas manifestacións da súa vida profesional, especialmente nas procesuais.

    Ó CONCELLO DE LUGO, polo que significa como referencia positiva nun ámbito tan importante como o da Administración local galega, traballo do que deixa constancia en actividades como a xeralizada normalización lingüística en toda a actividade municipal.

    Premios Lois Peña Novo 2004
    Previous articlePremios Lois Peña Novo 2003
    Next articlePremios Lois Peña Novo 2005