Reunidos no Salón de Sesións da Casa do Concello de Redondela o día 21 de maio de 1996 os membros do xurado da segunda edición dos PREMIOS LOIS PEÑA NOVO, integrado por D. Xosé Neira Vilas, escritor; Don Orencio Pérez González, maxistrado; Don Domingo Bello Janeiro, Director da Escola Galega de Administración Pública; Dona María Xosé Fernández Devesa, Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Valga e actuando de secretaria Dona Carme Pérez Vaquero, secretaria da Xunta de Persoal do Concello de Redondela. Logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, acordan outorga-los PREMIOS LOIS PEÑA NOVO nesta edición a:
PUBLICACIÓN “REVISTA INFORMATIVA DE POLICÍA LOCAL” do Concello de A Coruña, pola transcendencia pública que ten para normaliza-lo uso da lingua galega, sobre todo tendo en conta que os protagonistas de excepción, neste caso, son os membros da Asociación de Policía Local, que contribúen deste xeito a modifica-los hábitos lingüísticos na relación coa cidadanía. Salienta o xurado, ademais, o feito de que sexa a Policía Local de A Coruña a editora desta publicación.
Ó COLECTIVO DE FUNCIONARIOS E TRABALLADORES DO CONCELLO DE FENE, que dende o ano 1984 contribúen solidaria e ininterrompidamente a facer da lingua galega un código de comunicación normal na vida administrativa, nas relacións co resto das administracións públicas galegas e cos cidadáns daquel Concello. Esta actividade, considera o xurado, proxéctase positivamente na sociedade dando lugar a que entidades de todo tipo teñan asumido o feito lingüístico como propio.
Ó COLECTIVO DE FUNCIONARIOS DO XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA NÚMERO 8 DE VIGO, polo seu empeño na incorporación da lingua nos usos xurídicos e procesuais na súa xurisdicción. Considera o xurado que debe facer unha mención especial ó maxistrado titular do Xulgado, don Xosé Luís Albés López, por se-lo dinamizador nesta actividade normalizadora dentro do mesmo e, así mesmo, porque nos distintos xulgados nos que está en comisión de servicios (Redondela, Marín, Cambados, etc…) ven dictando, dun xeito progresivo, sentencias en lingua galega.
Ó SERVICIO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, polo traballo que dende o ano 1984 vén desenvolvendo na actividade administrativa e universitaria, facendo posible que os servicios administrativos estean normalizados por enteiro e que os distintos departamentos universitarios se sitúen nesa perspectiva e fagan do uso da lingua galega unha tarefa cotía na elaboración de teses, tesiñas, proxectos de fin de carreira, etc… e demais publicacións.
Ás 14:00 horas, o xurado dá por finalizada a súa sesión para analiza-las propostas presentadas, deixando constancia de que para a próxima convocatoria a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa do Concello deberá extende-la convocatoria a outras administracións e institucións públicas galegas nas que se ten constancia de que hai funcionarios e funcionarias e traballadores que etán a facer un esforzo persoal e colectivo por incorpora-la lingua galega ás súas respectivas actividades.