Praza Publica – Xunta e concellos únense para apoiar as marcas que etiquetan en galego

Os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Oroso, así coma a Xunta de Galicia, asinaron este sábado a Carta de Consumo Responsable e Solidario coas Marcas que Etiquetan en Lingua Galega, impulsada pola Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e o Foro Enrique Peinador e á que están adheridas catorce empresas.
Na Carta recóllese o compromiso das institucións coa calidade e o aproveitamento sostible dos recursos naturais, así como pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat, que permiten dar aos produtos galegos unha personalidade propia. Neste documento contémplase tamén o deber responsable á hora de decidir que produtos se consumirán, coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país. Así mesmo, inclúese o deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso de etiquetar en galego as súas elaboracións ou que usan a nosa lingua nas súas campañas de promoción e comunicación.No acto, organizado polo propio Concello de Santiago participou o alcalde, Martiño Noriega, e tamén os rexedores da Coruña, Xulio Ferreiro; Lugo, Lara Méndez; Ferrol, Jorge Suárez; a alcaldesa en funcións de Ourense, Flora Moure; o vicepresidente da FEGAMP e alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé Martínez; o coordinador xeral da IRGADE, Xosé Carballido; a xerente de Leite Noso (Deleite), Patricia Sánchez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Precisamente, Valentín García salientou na súa intervención que “o idioma propio de Galicia, alén de constituír un valor como denominación de orixe e de implicar un plus de confianza e proximidade cos consumidores, abre tamén a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode redundar nun beneficio á hora de falar resultados económicos para as empresas”.

Previous articleFaro de Vigo – Amigos do Couto Mixto piden a la Xunta que sea declarado “territorio histórico”
Next articleGalicia Confidencial – Empresas e municipios asinan un documento para potenciar o uso do galego na etiquetaxe de produtos