A Irmandade estará constituída por ao redor de 35 adegas de todo o país ao acto asistirán ademais representantes de todas as denominacións de orixe
Promover o consumo de produtos galegos e en galego, que respecten, promovan e se identifiquen coa cultura e lingua do país. Ese é o obxectivo último da Irmandade Galega de Adegueiros, promovida polo Foro Enrique Peinador e que constituirá este sábado ás 12 horas en Santo André, Ribadavia, na sede do futuro Museo do Viño. Estará conformada non só por adegas, senón tamén por outras empresas produtoras do sector agroalimentario que tamén etiquetan en galego, centros de distribución e algunhas persoas de referencia, galegas e de fóra, “que contribuirán a afortalar as alianzas estratéxicas nun ambiente de crise que ameaza gravemente o agro galego”.
A Irmandade estará constituída por ao redor de 35 adegas de todo o país comprometidas coa lingua e cos produtos da terra e ao acto asistirán ademais representantes de todas as denominacións de orixe para facer forza na comercialización do produto. O obxectivo máis inmediato é impulsar o proceso de galeguización dos produtos agroalimentarios, para nunha segunda fase artellar unha estrutura capaz de establecer alianzas para unha mellor comercialización.
Porén, a Irmandade tamén ten os ollos postos nos consumidores, aos que queren concienciar da importancia de consumir produtos e marcas, e de acudir a establecementos que respecten a lingua galega. Para iso procurarán nas organizacións sociais que articulan e vertebran a sociedade galega (partidos, sindicatos e movemento sociocultural) que promovan entre os seus afiliados o consumo responsable, que consiste que modificar os seus hábito preferindo produtos etiquetados en galego e establecementos que se identifiquen coa cultura e lingua do País. Finalmente, tamén se buscará acadar o apoio das institucións públicas (universidades, Xunta de Galicia, deputacións e concellos) para -din- “facer posible o que establece o Estatuto de Autonomía de Galicia e Lei de Normalización Lingüística: fomentar e potenciar o uso da lingua galega en todas as ordes da vida social e cultural de Galicia”.
Con este obxectivo, o Foro Enrique Peinador lanzará o 25 de xullo unha campaña que terá como lema Galicia, cos cinco sentidos. Consumo gustos etiquetados en galego. A campaña terá un sentido práctico e pedagóxico, di Xosé González, presidente do Foro, e apelará a aqueles sectores comprometidos coa lingua “pero que non sempre son coherentes coas súas ideas á hora de consumir”, como indicaba nunha entrevista con Praza hai unhas semanas.