35 concellos pontevedreses asinaron este sábado a “Declaración institucional dos concellos da provincia a prol da galeguización xurídica”, tamén denominada ‘Declaración de Pontevedra’, un compromiso pola normalización do uso da lingua galega nas relacións entre as institucións locais e a Xustiza. A declaración está impulsada pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, a Irmandade Xurídica Galega, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia
A declaración inclúe tres compromisos: a normalización do uso oral e escrito do galego nas súas relacións xurídicas, a solicitude a xulgados e tribunais de resolucións en lingua galega e a inclusión dunha cláusula na licitación de servizos xurídicos externos que garanta o uso do galego.
O encontro serviu tamén para conmmemorar o 50 aniversario da celebración (en outubro de 1972) do I Congreso do Dereito Galego, un acto que significou -aínda nos últimos anos da ditadura- un paso adiante no uso da lingua galega na Xustiza e no campo do Dereito.
No acto, que tivo lugar no salón nobre do Pazo da Deputación Provincial, participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a deputada de Lingua María Ortega Iñarrea, xunto ao secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo. Así mesmo, tamén interviron Patricia Vilán, representante da Irmandade Xurídica Galega; Paz Rodríguez, maxistrada da Audiencia Provincial da Coruña; Ana Mosquera, avogada; e Xavier Munaiz, representante da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra.
A Deputación cualificou a xornada deste sábado como “unha data histórica” polo impulso á galeguización xurídica dos concellos no camiño de “superar a marxinación do galego nos usos xurídicos”. Na súa intervención, Carmela Silva destacou que “temos a obriga de usar o galego e loitar pola nosa lingua” pois “é a nosa identidade e constrúe sociedade”
Pola súa banda, Paz Rodríguez, maxistrada da Audiencia Provincial da Coruña subliñou na súa lembranza do I Congreso do Dereito Galego que “o galego non é unha lingua minoritaria, é unha lingua minorizada”.
No outono de 1972 celebrouse na Coruña o I Congreso de Dereito Galego, un evento promovido polos Colexios de Avogados do país e pola Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Manuel Iglesias Corral -alcalde da Coruña e deputado durante a Segunda República e de novo parlamentario trala restauración democrátiva- presidiu un evento que contou coa participación dos máis destacados xuristas galegos do momento e de figuras como Xosé Manuel Beiras, José Luis Rodríguez Pardo ou Nemesio Barxa e tamén de Ramón Otero Pedrayo, que pronunciou un discurso sobre “A transformación do Estado absolutista no Estado moderno na España do século XIX”.
O 50 aniversario do congreso foi xa conmemorado hai uns meses pola Irmandade Xurídica Galega, que vén apostando por unha galeguización no ámbito do Dereito e da Xudicatura. Este sábado, ademais, Xaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega, destacou que “era necesario honrar ás persoas que participaron” naquel I Congreso de Dereito Galego.
O Congreso buscaba analizar a posible revisión da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia e nas súas conclusións deu un claro pulo á posibilidade da utilización da lingua galega nos procesos xudiciais, pois estableceu nas súas conclusións (páxina 729 das actas do encontro) que “os escritos xudiciais, alomenos os interrogatorios de preguntas, repreguntas e confesións, así como os interrogatorios ‘in voce’ poderán facerse en galego e castelán. O confesante ou a testemuña manifestarán ao xuíz ou Tribunal en cal dos dous idiomas desexan ser interrogados, e as respostas recolleranse na que se manifeste e, en todo caso, no idioma oficial”.
Ao longo do Congreso puideron empregarse tanto o galego coma o castelán nos relatorios e debates, como quedou recollido nas actas. Ademais, o evento abriuse cunha homilia en lingua galega a cargo de José Morente Torres, coengo da Colexiata da Coruña. Na súa intervención Morente salientou que “ten unha gran significación que queirades abrir oficialmente o I Congreso do Dereito Galego dándolle un posto de honra á lingua do pobo que fixo posible tal Dereito”. “A lingua é sempre a millor mostra da potencia creadora do pobo que a fala. Respetála, inda máis, valorála e agarimála como un dos millores tesouros que tén unha colectividade humán, significa eiquí que o voso pensamento está posto con amor nesta belida Galicia á que lle recoñecedes unha ricaz e baril persoalidade”, engadiu o coengo.