O portal da Lingua Galega-López Campos asina un protocolo de colaboración para impulsar o uso do galego no ámbito notarial

O acordo co Colexio Notarial de Galicia prodúcese ao abeiro do Pacto pola lingua e da actualización do Plan xeral de normalización

Destaca que isto “é un paso máis no obxectivo de fomentar o uso do idioma en diferentes eidos e sectores profesionais”

Incide en que con estas medidas “dámoslle valor aos documentos públicos redactados en lingua galega”

Lembra que xa están en marcha outros convenios coa Consellería de Sanidade, a Fiscalía Superior de Galicia ou a Administración pública

Ademais, o Goberno autonómico vai iniciar un proceso de diálogo co Executivo central para que o programa ‘Atenea’ do Ministerio de Xustiza estea en galego

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, asinou hoxe un protocolo de colaboración para impulsar o uso do galego co Colexio Notarial de Galicia e a Irmandade Xurídica, aproveitando a xuntanza anual desta última entidade que este ano dedicou a este ámbito.

Deste xeito, explicou o representante do Goberno galego, “damos un paso máis no noso obxectivo de fomentar o uso da lingua en moi diferentes eidos e sectores como é o da xustiza ou o da Administración, sumando aos profesionais da notaría neste camiño que iniciamos ao abeiro do Pacto pola Lingua”. Así, tal e como sinalou, con este acordo “comprometémonos a reactivar a presenza do idioma nas notarías de Galicia, recoñecendo a validez xurídica dos documentos públicos redactados en galego e dándolle valor e prestixio”.

Neste senso, López Campos, lembrou que a iniciativa chega nun momento “no que estamos a renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega, adecuando así tamén aos tempos actuais as medidas que teñen que ver con potenciar a documentación xurídica en galego”.

No marco desta colaboración, segundo puntualizou, “intentaremos entre todas as partes procurar que as notarías dispoñan a curto prazo das ferramentas necesarias para traballar na nosa lingua nas súas tarefas diarias, como é a formación en linguaxe xurídica galega”. Ademais, apuntou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, “trátase de velar polos dereitos lingüísticos das persoas usuarias destes servizos, de maneira que que se lles ofreza activamente facer os seus trámites en galego”.

Cómpre recordar que o Goberno autonómico anunciou hai uns días que iniciará un proceso de diálogo co Executivo central para garantir que o novo sistema de xestión procesual que vai implantar o Ministerio de Xustiza esta dispoñible tamén en lingua galega. Por outra banda, tamén se puxeron xa en marcha distintas colaboracións mediante sinaturas de convenios para potenciar a lingua en ámbitos estratéxicos, como o asinado co conselleiro de Sanidade, co Fiscal Superior de Galicia ou coa Administración para realizar cursos de lingua e cultura galegas.

Homenaxe a Victorino Gutiérrez Aller

Ademais da xuntanza, nesta xornada a Irmandade Xurídica rendeu homenaxe ao que fora o primeiro notario en utilizar a lingua galega, descubrindo onde a Falcultade de Dereito da Universidade de Santiago o busto de Victorino Gutiérrez Aller ( Lalín, 1937–2024).

En 1989 o xurista lalinense elaborou o coñecido como Formulario Notarial, editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e distribuído a todas as notarías de Galicia.

Previous articleEl Supremo condena a los Franco a restituir dos estatuas del Pórtico de la Gloria de la catedral de Santiago
Next articleO Barbanza – “Premios Lois Peña Novo”