O galego está enfermo – Galicia Confidencial

Pablo Vaamonde

O galego está enfermo, pero aínda non morreu, como se prognosticou hai anos. Ainda hoxe é a língua maioritaria en Galicia. A grande maioría da poboación entende o idioma e tamén sabe falalo. Pero hai un dato preocupante: a poboación máis nova e cun nivel educativo máis alto –e que tamén saben ler e escribir en galego-, son os que máis desertaron do seu uso na vida cotiá. Tamén preocupa a escasa presenza da lingua nos medios de comunicación (e a desaparición daqueles que a usaban) así como a pouca penetración no espazo virtual. A maior porcentaxe de galegofalantes dase no medio rural e na Galicia interior. En moitas cidades non é doado facer vida en galego da mañá á noite, e mesmo son frecuentes as “conversas bilingües”.

Así pois, a desafección polo noso idioma non está condicionada polo descoñecemento do mesmo: aqueles que máis formación teñen son os que menos o usan. En certos ambientes hai unha visión estigmatizada do galegofalante. Podemos lembrar aquela moza de Gran Hermano que decía: “Es que a mí me cuesta un montón hablar en gallego… Un día conocí a un chico pero ¡¡hablaba en gallego, y me dio un bajón!!”. Esta connotación pexorativa é, por desgraza, moi frecuente, e hai quen asocia o uso do galego coa ruralidade e a ignorancia.

Cómpre vencer estas resistencias e crear condicións para que falar galego sexa unha opción desexable para todos e, especialmente, para a mocidade; precisamos recuperar o seu uso en todos os ámbitos da vida diaria. O galego vivirá se está presente nos parques infantís, nas tendas, nos estadios de fútbol, nos xulgados e nos hospitais. Se o seu uso se restrinxe ao mundo literario e á liturxia da política non haberá porvir para a nosa fala. No mundo da sanidade a presenza do galego é moi escasa. Só fala galego habitualmente o 35% dos profesionais mentres que só o escribe o 6,5% (C.Gradín / IGE). No seu último libro, As voces baixas, Manuel Rivas conta a anécdota dun home que por fin é admitido como bedel dun banco: Seu pai comentoulle: “E terás que mercar un traxe novo…”. Él respondeu: “Xa está mercado! Onte probei coa gravata. Xusto ao apertar o nó púxenme a falar un castelán macanudo”. Pois eso; semella que aos sanitarios deste país, desde que puxeron a gravata, borróuselles o galego dos beizos.

A utilización da nosa fala na práctica sanitaria pode ser doblemente benéfica: pode ter valor terapéutico en sí mesma –moitas persoas sinten a proximidade do profesional cando a relación se establece na lingua propia-, e tamén pode mellorar a saúde do idioma, dado o prestixio que a profesión sanitaria segue a ter entre a poboación. Con este propósito naceu a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA): para promover o uso do galego no ámbito sanitario.  O primeiro de decembro celebra a súa segunda asemblea anual en Vigo. Na mesma darase acollida a cincuenta novos irmandiños –sanitarios de toda Galicia destacados polo uso do idioma no seu desempeño profesional-, e tamén se fará unha homenaxe ao doutor Ramón Obella Vidal, investigador, empresario e galeguista, impulsor principal da empresa Zeltia. Coa convicción de que a doenza do galego ten cura esta Irmandade pretende, ano a ano, sumar vontades ata que falar galego nos hospitais non sexa un acto heroico senon un feito cotiá asumido con total normalidade. ¡Que anomalia de país, que temos que distinguir aos que utilizan a propia lingua!

Previous articleII Asemblea ISAGA
Next articleEl Progreso – Se non falas o idioma do paciente curaralo, pero non es o seu médico