O Barbanza – Interpretación da cooficialidade lingüística

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

A xurisprudencia do Tribunal Constitucional nunha sentenza de 1986 atribúelle ao Estado
“competencia para regulamentar os aspectos básicos relativos ao uso das linguas oficiais.
A consecuente cooficialidade éo con respecto a todos os poderes públicos radicados no
territorio autonómico, sen exclusión dos órganos dependentes da Administración central e
doutras institucións centrais en circio senso”. Asi hai que interpretar o alcance que ten o
artigo 3.1. da Constitución española.
Por iso en 1989 a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG)
presentou un recurso de alzada contra as Normas Lingüísticas (restrictivas para a lingua
galega) do Instituto Nacional da Seguridade Social. Aquelas Normas liberaban aos
funcionarios dese organismo estatal de calquera coñecemento da lingua galega. A
resolución do recurso foi favorable ás teses da AFNLG.
Malia este precedente, o Goberno do Estado endexamais abordou a parte que lle
correspondía na defensa das linguas cooficiais. Fíxo recentemente coa publicación no
BOE do Real Decreto 798/2025 polo que se crean e regulamentan o Consello das
Linguas Oficiais e a Oficina para as Linguas Oficiais, que o pasado mes constituíronse en
acto público en Donostia.
Esta decisión do Goberno estaba na liña da proposta que fixo a Irmandade Xurídica
Galega para que o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia asinasen un convenio para
galeguizar o programa informático ATENEA que lles permita aos usuarios das instancias
xudiciais en Galicia tramitar os procedementos procesuais en lingua galega. Tal demanda
foi asinada o pasado mes de xullo por máis de cincocentos persoas ( xuíces, funcionarios
xudiciais e profesionais do Dereito).
Que o Estado ten competencias en política lingüística non ten dúbidas; contrariamente ao
manifestado con perversa teimosía por un sector da opinión pública que seguen a manter
que a responsabilidade reside exclusivamente na Xunta de Galicia. Esquecen que no
noso país hai ao pé de 25.000 funcionarios públicos da Administración central. Un
cantidade suficiente que rema en dirección contraria ao resto das administracións
públicas.
Cómpre dicir que na década dos anos oitenta,cando un servidor dirixía o Servizo de
Normalización Lingüística do Concello de Redondela, conseguíu que Renfe, Telefónica,
Correos, Iberia, Aena, Adif…empresas públicas integradas no Instituto Nacional de
Industria (hoxe Sepi), aceptasen as propostas que se lle fixeron para que adecuasen os
seus servizos en Galicia ao réxime de cooficialidade lingüística, e que a Audiencia
Territorial da Coruña ditase a primeira sentenza en lingua galega. A AFNLG en paralelo
empurrou o proceso normalizador para que o Congreso dos Deputado aprobase unha
disposición para que as leis e reais decretos fosen publicados no BOE nas catro linguas
do Estado.
Asemade, conseguíuse do Ministerio do Interior que os cidadáns puidesen utilizar a
lingua galega nas dependencias policiais. Tamén a AFNLG contribuíu a que se
modificase a Lei do Rexistro Civil, permitindo a galeguización dos nomes e apelidos.
Non esquecimos nesta teima de noso a necesaria modificación das condutas das
unidades dos exércitos que aínda seguen sen recoñecer a cooficialidade lingüística nas
súas dependencias e trámites burocráticos. Malia seren as forzas armadas unha
institución para defender “a integridade territorial” (entendemos por tal a pluralidade
existente nel) exclúe, por exemplo, que nas xuras da bandeira non se poidan utilizar os
idiomas distintos do castelán, negando tamén a presenza das bandeiras das
nacionalidades, proposta que lles fixemos aos grupos parlamentarios do Congreso.
Atribuirlle en exclusiva á Xunta de Galicia as competencias de política lingüística obedece
a un interesado reducionismo para facer máis viable a confrontación partidaria.

Previous articlePremio Rodolfo Prada a Xosé González Martínez.
Next articleEl Progreso – Comemos e bebemos en galego?