
O cemiterio municipal de Eirín, en Caldas de Reis, na comarca homónima, acolleu este sábado a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística, unha iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística da Galiza (AFNLG) que cada ano visita diferente camposantos e promove a substitución de placas funerarias que lembran, en castelán, a quen toda a vida falou galego.
O acto, coñecido tamén como o Día das Letras Galegas dos defuntos, incluíu no lugar de Eirín a colocación dunha placa colectiva en homenaxe a todos mortos que desenvolveron a súa vida na lingua propia. A maioría ten a súa lápida escrita en castelán, algo que os promotores d iniciativa achacan a unha “anomalía cultural que é preciso corrixir”.
Máis galego nos espazos de memoria
Co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades e mais de facer pedagoxía sobre a incoherencia de despedir os falecidos con epitafios escritos nun idioma diferente ao que falaban en vida, actividades de restauración da memoria lingüística lograron nos últimos anos aumentar a conciencia da veciñanza en moitos lugares do país.
Un primeiro paso para reverter unha cifras que hai 30 anos daban conta de que a lingua oficial dos cemiterios da Galiza era o castelán. Cando a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística apostou na recuperación da memoria lingüística dos defuntos, só unha de cada mil lápidas figuraban en galego e a porcentaxe de necrolóxicas publicadas no noso idioma abeiraba 2%.
Os promotores desta remuda apelan aos Concellos e aos seus representantes, en colaboración coa Xunta da Galiza, a manter viva a lingua dos mortos, a facela presente nos camposantos e a usala nas despedidas dos seres queridos. Marín, Nigrán, Ribas de Sil, Soutomaior, Salceda de Caselas, Pazos de Borbén, Baltar, Allariz, Rianxo… O número de municipios que cada ano levan o galego aos seus espazos de memoria non deixa de crecer.
Acta de vontades
O Concello de Caldas é un dos que este 2024 se suma á campaña, xunto a ‘En Galego, agora e sempre’. A actividade, organizada polo departamento de Cultura co apoio da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, contou coa presenza do alcalde Juan Manuel Rey, o responsábel municipal de Cultura e Lingua Manuel Fariña, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, así como de Xosé González, vicepresidente da Asociación de Funcionarios, e Carmen Pérez Vaquero, encargada da lectura dun ‘Acta de vontades’.
” Séculos atrás era frecuente encontrar nos protocolos notariais mandas testamentarias. Nelas o testador impúñalles aos herdeiros obrigas de carácter piadoso, por regra xeral. Case todas elas referidas ás crenzas relixiosas imperantes na sociedade: celebración de cabodanos, construción de cruceiros ou hermidas cunha advocación concreta… Desta maneira foise consolidando xeración tras xeración o respecto e fomento dunha cultura relixiosa. Nun comezo eses protocolos notariais estaban escritos en galego. Tempo despois, a partir do século XVI, foron reemprazados pola prosa notarial en castelán”, lembran desde a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
Desde hai tempo vén publicando unha colección de libros titulados En galego, agora e sempre, que recollen modelos de mandas testamentarias nas que se lles encomenda aos beneficiarios testamentais a defensa do patrimonio cultural e lingüístico, como un legado inmaterial que deben conservar no futuro. A acta de vontades vén acrecentar esta experiencia para que a lingua galega sexa herdanza e contribúa á memoria de quen a legou.
Memoria colectiva
O tenente de alcalde Manuel Fariña tomou a palabra este sábado en Caldas de Reis para pór de manifesto que os camposantos son uns dos lugares nos que é máis evidente a desmemoria da lingua galega, xa que habitualmente as familias renuncian ao idioma que habitualmente se fala na casa para lembrar aos seus seres queridos.
“É necesario reivindicar a galeguidade en espazos tan persoais como os panteóns ou as lápidas e deixar atrás vellos hábitos herdados de épocas nas que non había liberdade lingüística”, salientou. “A maior parte das persoas que moran no camposanto de Eirín educaron a fillos e fillas no galego, facendo gardar a memoria colectiva, polo que merecen homenaxe e recoñecemento”, concluíu o responsábel de Lingua.
A celebración contou coa actuación musical do zanfonista Óscar Franco e coa estrea dunha placa na que se pode ler: “Na memoria de todos os que aquí xacen, porque gracias a eles Galiza segue a ter cultura e lingua de seu”.
O vindeiro domingo, 3 de novembro, o cemiterio parroquial de San Paio de Albán, en Coles (comarca de Ourense) acollerá unha homenaxe a Manuel de Dios Martínez, co¡ompositor e musicólogo galego, substituíndo a lápida actual por outra con epitafio en galego.