Metropolitano – Por que quen fala en galego morre en castelán? Acto en Salceda para usar o galego tamén na morte

En galego,agora e sempre
En galego,agora e sempre

As lápidas, ultimas vontades e esquelas están escritos maioritariamente en castelán, aínda que o finado falara toda a vida en galego. A esta situación busca poñer fin o Concello de Salceda e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüísticas que celebrarán este sábado, 5 de xuño, un acto de sinatura de vontades galeguizadas.

A cita, baixo o lema “En Galego, Agora e Sempre”, terá lugar ás 11:30 horas no cemiterio parroquial de San Xurxo. Este evento englóbase dentro das actividades das Letras Galegas no municipio.

Todas e todas os que queiran asinar a súa Acta de Derradeiras Vontades poderán facelo, deixando expresa constancia do seu desexo de seren soterrados na lingua galega, incorporando aos testamentos unha manda específica neste sentido para que os herdeiros a cumpran.

“En Galego, Agora e Sempre” pretende achegar o galego ao campo das defuncións e os soterramentos. Só o 2% das esquelas publicadas nos medios de comunicación están en galego, e unicamente unha de cada mil lápidas está escrita no idioma de Galicia. Así pois, este acto busca unha maior presenza da lingua galega non só en esquelas e lápidas, senón nos ramos e coroas, nos recordatorios, nos funerais e en todo o que se refire ao momento do falecemento.

No caso de Salceda a poboación é maiormente galegofalante, chegando a unha porcentaxe en torno ao 90% nas diversas parroquias do municipio, que sen embargo non se ve reflexado nos cemiterios, lembrando en castelán a cantos en vida usaban o galego a diario.

Previous articleLa Voz de Galicia – Santiago acolle o Día da Galeguidade Empresarial
Next articleDiario de Pontevedra – Sumar