O concelleiro de cultura de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, agradeceulles esta invitación aos seus compañeiros de mesa, José González e José Benito Reza, da Asociación de Amigos do Couto Mixto, e recalcou o interese por parte do Concello de levar esta festa por toda a comarca arousá. Así, a Concellería de Cultura porá á disposición dos interesados un autobús que os levará de xeito gratuíto a disfrutar desta festa o vindeiro 17 de xullo. Castro Ratón animou a todos aqueles que queiran ir á festa neste autobús a inscribirse canto antes, pois as prazas dispoñibles son 50.
Ao mesmo tempo, o concelleiro de cultura de Vilagarcía eloxiou a historia deste lugar, ao que cualificou como «unha pequena república libre, pois non formaba parte nin de España nin de Portugal, e todos os seus habitantes tiñan liberdade á hora de elixir a súa nacionalidade». O valor disto torna en histórico e simbólico trala desaparición do territorio no ano 1863, e a súa imaxe pervive hoxe como a dunha illa de liberdade.
Pola súa banda, José González destacou a importancia deste pobo e das relacións transfronteirizas que nel se establecían, e sinalou ademais que «o Couto Mixto sería a capital ideal da vella Gallaecia». González insistiu ademais na importancia comercial que tivo esta rexión de 2.000 hectáreas, composta por tres pobos (Santiago, Rubiás e Meaus).
Os habitantes do Couto Mixto non só contaban co privilexio de escoller se a súa nacionalidade era española ou portuguesa, senón que tamén gozaban de estar excluídos de facer o servizo militar. Ademais, aqueles que tivesen negocios entre Galicia e Portugal non tiñan que pagar aranceis, pois había unha verea pola que podían pasar sen ter que abonar estas taxas.
Xosé Benito Reza, destacou tamén o atractivo desta zona, que pese a estar moi abandonada, conta cunhas marabillosas vistas e cunha preciosa paisaxe de mananciais, ríos e montaña, e que cualifica como «un chance intermedio entre a Limia e as grandes alturas da Serra do Larouco». Para Renza tamén cómpre destacar a súa importancia como terra de gando e tamén dende o punto de vista artístico, «sen dúbida, aínda que un territorio esmoreza, perda poboación ou non teña os reclamos que teñan outros lugares, non deixa de ter un inmenso valor, e todos temos que recoñecerllo».