
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recolleu o xoves o Premio Lois Peña Novo, concedido ao Concello pola súa firme aposta durante máis de vinte anos pola dinamización lingüística e o desenvolvemento de accións que animan á cidadanía e aos funcionarios no uso do galego. O acto tivo lugar no castelo de Soutomaior e foi presidido polo titular la Deputación pontevedresa, Luís López Diéguez.
O historiador soneirán Xosé María Lema Suárez, que foi membro do xurado, foi o encargado de defender a candidatura do Concello de Carballo como merecedor do recoñecemento. Lema enumerou no seu discurso as numerosas accións postas en marcha no consistorio a prol do galego: artigos normalizadores, a campaña Cos meus mellores desexos, promocións nas redes sociais ou a ordenanza para o impulso do idioma do 2013. Ademais salientou o uso nas redes sociais, no sitio web municipal, o curso de verán da Universidade da Coruña e o bo funcionamento de iniciativas como Youtubeiros/as ou Apego, ao que se inscribiron 350 familias, «nun completísimo programa de actividades de socialización». Tamén valorou a participación en Enreguéifate e a creación da escola da regueifa, o certame de contos humorísticos, a elaboración do mapa literario de Carballo e o programa En galego porque si, no que participa o persoal municipal. Por outra banda, o xurado tivo en conta o feito de que o galego estea «case totalmente normalizado» no municipio, nun 95 % na zona rural e polo menos nun 70 % na urbana. Destacou, asemade, o labor do asociacionismo e, en xeral, «todo o pobo carballés» por manter e promover o idioma propio. Dende o 2016, Carballo é o primeiro concello en recibir o premio, xunto con Carlos Pajares Vales e María Jesús Lago.