La Voz de Galicia – Un compromiso para despedir e lembrar aos falecidos no mesmo idioma no que viviron

Bande 25

A igrexa de San Pedro de Bande acolleu este sábado a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, unha iniciativa que organiza cada ano a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) coincidindo coa conmemoración do Día de Defuntos. O obxectivo é fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e con esta cita búscase animar á reflexión sobre a incoherencia de despedir ás persoas falecidas nun idioma distinto ao que empregaron en vida e abrir un debate social sobre o valor afectivo e identitario da lingua propia para consolidar o uso do galego nos momentos máis solemnes da existencia.
No acto participaron Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Xoaquín Monteagudo Romero, presidente da AFNLG; Roberto Álvarez Sánchez, arcipreste da Baixa Limia; Xesús Manuel Suárez García, secretario da Alianza Evanxélica Española; Tamara Méndez, médica forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia  (Imelga) en Ourense; e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, xunto con varios alcaldes da provincia. Todos eles asinaron unha declaración que fixaba os compromisos que asumía cada unha das partes: A asociación de funcionarios colaborará na elaboración dun catálogo de modelos de necrolóxicas e lápidas en galego, adaptados ás diferentes crenzas e sensibilidades, que serán ofrecidos a empresas funerarias e familias; a Secretaría Xeral da Lingua a prestar apoio técnico e económico para facer efectiva a normalización do galego nos ritos funerarios; o arcipreste da Baixa Limia a fomentar o uso do galego nas cerimonias litúrxicas, animando o clero da súa xurisdición e trasladando tamén a proposta ao Bispado de Ourense; e a Alianza Evanxélica Española promoverá tamén o uso do idioma propio nos cultos de despedida e homenaxes das persoas falecidas.

Previous articleO Progreso – “Adegas Terra de Asorei”
Next articleLa Región – Agora é sempre