O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte, no polígono de San Cibrao, no acto de «investidura de galeguidade empresarial» da firma Rodríguez López Auto organizada polo Foro E. Peinador. A empresa presentou un programa de incorporación do galego ás súas actividades que levará adiante co apoio da Consellería de Cultura.
Valentín García saudou que Rodríguez López Auto se sumase ao «crecente número de empresas que se incorporan ao Foro Enrique Peinador porque comprenden que a lingua galega é un activo que as beneficia, á vez que exercen a súa responsabilidade social apoiando o idioma da comunidade onde se radican. Estas empresas de éxito que traballan en galego son un referente e un modelo para as que as rodean e teñen un efecto chamada que espero que se deixe notar tamén neste polígono industrial». O secretario xeral lamentou «que non poida estar para ver esta Investidura de Galeguidade Empresarial o fundador de Rodríguez López Auto e iniciador do proceso galeguizador que hoxe celebramos, Xosé Rodríguez». Deulles os parabéns aos seus fillos por continuar co seu proxecto.
A empresa Rodríguez López Auto, fundada por Xosé Rodríguez nos anos oitenta do pasado século, está especializada na fabricación de vehículos de transporte sanitario, ámbito en que conta co 70% da cota de mercado español. Carroza tamén vehículos antidisturbios e de transporte especial para o Corpo Nacional de Policía.