La Voz de Galicia – Propoñen un monumento funerario novo en galego para Manuel Murguía

JAVIER BECERRA

Encóntrase enterrado na Coruña nunha «tumba humilde», e en castelán.

Localízase ao final dun corredor no cemiterio de San Amaro da Coruña. É a tumba de Manuel Murguía, o impulsor do Rexurdimento galego e autor de obras como Historia de Galicia, así como marido de Rosalía de Castro. Faleceu en febreiro do ano 1923. Nada ten que ver, por exemplo, con mausoleos dedicados a outras figuras como Eduardo Pondal. «Esa tumba non é acorde co personaxe que foi na historia», opina Xosé González, vicepresidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. Non o é, dende o seu punto de vista, por tratarse simplemente dunha «humilde tapa de pedra cunha cruz», pero tamén a rexeita por estar escrita en castelán: «É impropio que unha persoa que quixo restaurar Galicia creando o Rexurdimento e defendendo o rexionalismo estea enterrado en castelán porque os seus fillos encargaron así a lápida no seu día».

Por este motivo, e logo de recoller sinaturas solicitando ese cambio á Deputación e ao Concello da Coruña —este último, responsable do cemiterio—, acaban de promover a instalación dun novo monumento funerario para honrar a Murguía. O deseño correu a cargo de Manuel Seoane, arquitecto de Xinzo de Limia, que ideou unha peza «máis adecuada para o personaxe que foi».

Para iso prevé o emprego de dous materiais: mármore branco e lousa de Laza verde. «O simbolismo que propoñemos é xustamente ese, unha raíz que se afunde nunha terra tan fértil intelectual e ideoloxicamente, para converterse nunha árbore nova, pero rexa e vizosa, e unha segunda parte máis visible que se manifesta como acubillo para que medre protexida. Unha raíz de lousa verde e un volume poliédrico de mármore macael», describe o arquitecto na proposta escrita.

Na peza consérvanse os nomes dos fillos que aparecen na orixinal: Alejandra, Aura, Gala, Ovidio e Amara Murguía de Castro. Pero, ademais, incorpórase unha cita do autor: «¡O noso idioma! O galego é o que nos dá dereito á eterna posesión da terra na que fomos nados, que nos di que somos un pobo distinto; que nos promete o porvir que procuramos e nos dá certeza de que será fecundo en bens para todos nós».

Para os promotores, de levarse a cabo a instalación, sería un acto de xustiza. «Hai que harmonizar o mundo dos vivos e dos mortos. Se os vivos son capaces de comprender que un señor e unha señora que sempre utilizaron o galego e que os descendentes falen galego, o normal é que esa señora e ese señor sexan recordados na comunidade parroquial no idioma que falaron e non en castelán», argumenta González. Tendo en conta que o 1 de febreiro de 1923 fanse cen anos da súa morte, o cambio tería un especial carácter simbólico.

Actos polo centenario

Nese sentido, xa existe unha petición do PP para dedicar o 2023 a Manuel Murguía. A RAG acaba de anunciar unhas xornadas os días 2, 9 e 16 de febreiro na Coruña, Santiago e Padrón, tres escenarios vitais e simbólicos na traxectoria do intelectual. Os encontros contarán, entre outros relatores, co académico Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro, a biógrafa de Rosalía María Xesús Lama, a investigadora Ana Acuña, o politicólogo Ramón Maiz, o historiador Justo Beramendi e o académico Ramón Villares.

Previous articleEl Correo Gallego – Melide busca impulsar o uso da lingua galega no ámbito funerario
Next articleEl Progreso – A galeguización dos servizos xurídicos dos concellos