O pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), acolleu a xuntanza na que se acordou conceder os Bacelos de Prata 2019. Nesta décimo terceira edición dos premios que recoñecen o compromiso coa lingua galega acordouse recoñecer o traballo da Adega Solaina Minei, de Castrelo de Miño, e a empresa Queixeirías Bama, de Touro. No caso da sociedade agraria do Ribeiro lembrouse que foi creada hai 10 anos para recuperar un espazo vitícola practicamente abandonado e que conseguiron facer de centos de parcelas espalladas a viña máis grande da denominación de orixe Ribeiro, con case que 30 hectáreas nunha soa peza e tamén se destacou o feito de que «a empresa conxuga o labor asociativo e a difusión da imaxe corporativa da súa marca Nove Queipos, elaborada maioritariamente con castes autóctonas godello e treixadura, sousón e brancellao, utilizando unicamente a liugua galega na súa etiquetaxe e promoción. O xurado valorou moi positivamente o esforzo realizado polos propietarios cooperantes para manter vivo un territorio que precisa de innovacións e iniciativas produtivas para fixar poboación no rural, evitando o éxodo e abandono da Galicia interior. No caso de Queixeirías Bama salientouse o traballo desenvolvido durante 30 anos, para posicionarse como unha das máis importantes de Galicia no sector, e a aposta polo uso do galego como un valor engadido.
O xurado tamén acordou conceder mencións honoríficas á Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea e á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). Os premios serán entregados o 21 de decembro no pazo dos Ulloa de Esposende.