Os veciños de Paradela son pioneiros en dar o paso natural de despedir aos seus seres queridos na súa linguaxe persoal e no seu idioma común: o galego. Neste concello está o único cemiterio de Galicia con tódalas lápidas en galego, en San Facundo de Ribas de Miño, e tamén o único camposanto que conta cun Panteón de Ilustres Veciños despedidos en galego. No cemiterio de San Miguel descansan dous ilustres «paraledenses» que veñen de ser recoñecidos polo uso do galego cunha placa conmemorativa na entrada, que di así: «Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu». «É sinxelo. A lápida está en galego porque é a lingua que falou e me ensinou meu pai», resume o fillo dun deles. O ilustre que ocupa o panteón é o escritor Manuel Rodríguez, co que se explica a propia historia do templo, e tamén foi recoñecido Manuel López, «O Lagoa», quen construíu coas súas mans os nichos do cemiterio no que descansa.
Traslado de Manuel Rodríguez
O escritor Manuel Rodríguez López naceu en Paradela no 1934. Con só seis anos emigrou a Barcelona, onde viviría ata 1987, cando volveu a Galicia, tres anos antes de falecer. Na emigración, seguiu preto sentimentalmente de Paradela e expresouno a través da súa literatura, ambientada na súa terra natal. Cultivou a poesía, a prosa e a crónica, campos nos que en todos foi premiado. A súa difusión de Paradela e o amor pola súa terra fíxoo Fillo Predilecto no ano do seu falecemento, en 1990.
Manuel Rodríguez foi enterrado en O Páramo, pero no seu testamento escrito a man constaba que quería descansar no seu pobo natal, segundo relata o alcalde, e amigo, José Manuel Mato. Por iso, pedíuselle á Consellería de Sanidade o traslado do corpo dende Santa Mariña de Adai ata San Miguel de Paradela. Coa chegada de Manuel Rodríguez en 1995 ao cemiterio, situado a uns 300 metros da súa casa natal, xurdiu a iniciativa de inaugurar o Panteón de Veciños Ilustres. «A túa emigración rematou, pai», pronunciou ese día un dos seus fillos. Aínda a día de hoxe os seus descendentes e a súa muller lembran o día no que a volta de Manuel a Paradela foi definitiva. E tamén se encargan de preservar a obra e a memoria en galego, como o seu fillo Santiago Rodríguez.
O creador dos nichos
«Recordo cando tiña dous anos e xogaba no cemiterio coma se nada co meu pai», conta Suso do Lagoa (Xesús López). O seu pai, Manuel López, é un veciño ilustre por ser un dos canteiros históricos do municipio. O Lagoa dedicou toda a súa vida facer casas, nichos, hórreos, palleiras ou cortellos naquela época «na que este oficio aínda daba beneficios». A súa longa experiencia levouno incluso a ser mestre canteiro na localidade. «Algún veciños pagáballe traballando con el». Entre os seus encargos figurou a construción dos nichos de pedra, cando se fuxía do ladrillo que comezaba a ser imperante, sen saber acabaría sendo o Panteón de Paraledenses Ilustres, no cemiterio do que formaría parte. Así, elaborou a lembranza dos veciños que dedicaron a súa vida ao seu pobo natal.
O Lagoa traballou ata que caeu enfermo tras moitos anos de cantería: «Non me estrañou, dicía que subían pedras de 100 quilos ao lombo», conta o seu fillo. Faleceu no 2014 aos 92 anos e foi sepultado no nicho que el mesmo construíu no que consta unha despedida en galego, tal e como O Lagoa pediu extresamente. Un xesto que parece banal, pero que agocha unha gran importancia.
«Nunca pensei que unha lápida puidera ter tal repercusión, pero decateime de que moitísima xente galegofalante escribe a despedida para a súa familia en castelán», explica Suso. De feito, o texto da sepultura da súa nai, a muller do Lagoa, está en castelán. Espera que a recente placa e a súa difusión serva para «dar pé a outra xente a empregar o galego» porque, di Suso, só é cuestión de «fomentalo e reparar un momento na lingua que cada un emprega».
Home Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüistica