La Voz de Galicia – O Couto Mixto estreará himno oficial o sábado

María do Ceo e Armando González son os autores da música e da letra do tema que foi gravado nun cedé

Na igrexa de Santiago de Rubiás déronse cita en xullo de 2010 os membros da Asociación de Amigos do Couto Mixto para celebrar a súa xuntanza anual e para formalizar o nomeamento dos novos xuices honorarios. Entre estes figuraba naquela altura María do Ceo e o nomeamento supuxo para ela un especial desacougo: «Eu sabía que a xente á que agasallan con ese recoñecemento di alí unas palabras ou un discurso de agradecemento e iso a min meteume un medo tremendo. Non sabía que facer, sempre digo que o meu non é falar, e Armando González aportou a solución ao dicirme ?O teu é cantar, pois tes que facer unha canción para esa data?… e aí comezou todo».

Armando González e María do Ceo teñen desenvolvido nos últimos anos varios proxectos conxuntos, froito dos cales son cancións da coñecida artista portuguesa afincada en Ourense recollidos en cedés que foron creadas sobre textos orixinais de Armando González ou a música da película Anos despois, da directora mexicana Laura Gárdos Velo. Cando chegou o momento de recoller o seu nomeamento, na cerna do Couto Mixto e ao pé da arca das tres chaves, María do Ceo comezou a cantar un tema descoñecido para todos os que alí se atopaban, unha canción que na súa cuarta e derradeira estrofa dicía: «Por cetro unha arca vella, / por ceo e trono: o corisco, / o pobo é quen máis ordena / dentro de ti, Couto Mixto».

Unha aportación histórica

Os membros da Asociación de Amigos do Couto Mixto non acolleron ningunha dúbida naquela cita do pasado ano: os versos de Armando González simbolizaban a esencia e a historia das terras da raia que no seu día foron territorio ceibo e a conxunción do poema coa música creada por María do Ceo viñan de parir o himno que no futuro identificará ao Couto Mixto.

Un ano despois o Himno do Couto Mixto é unha realidade: un tríptico que será entregado como agasallo na cita do vindeiro sábado inclúe un cedé coa canción interpretada por María do Ceo, o texto orixinal do poema de Armando González, unha pequena reseña dos dous autores e un texto no que se recollen apuntes sobre o territorio ceibo, a súa historia e privilexios e o traballo de reivindicación deste espazo, así como as referencias á cita que cada verán se desenvolve en Santiago de Rubiás. Imaxes da arca das tres chaves, da escultura ubicada no adro da igrexa e un debuxo alegórico tamén figura no tríptico editado pola Asociación de Amigos do Couto Mixto.