Activa unha campaña para fomentar o uso do idioma no ámbito funerario
O titular non é de colleita propia. O mérito teno todo Xosé González. Foi el quen compartiu o termo antropolóxico na presentación da campaña que vén de poñer en marcha o Concellería de Cultura de Melide para fomentar o uso do galego no ámbito funerario. González é presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que capitanea dende hai máis de trinta anos unha iniciativa que persegue, explicou, «galeguizar a parroquia dos mortos, porque non se entende o porqué se unha persoa se expresa durante toda a súa vida en galego, unha vez morre vai ser recordada para sempre nun idioma que non falou».
Achegar esa mensaxe a través dos servizos que ofrecen é o compromiso que adquiriron as empresas locais do sector, tendo en conta que o galego é a lingua maioritaria na fala entre a veciñanza. Funerarias, florarías, e marmorerías, amén da unidade pastoral da parroquia e da notaría da vila, sumáronse a campaña, que, baixo o lema «Melide, agora e sempre en galego», persegue avanzar na normalización do uso do idioma propio nos actos litúrxicos, nas necrolóxicas, recordos florais, lápidas funerarias, derradeiras vontades, e nos testamentos.
Dous datos: só 1 de cada 1.000 lápidas en Galicia son redactadas en galego, e apenas o 2 por cento das necrolóxicas. As cifras ofreceunas o rexedor José Manuel Pérez, poñendo o acento sobre a necesidade da campaña, para que o Concello melidense pon a disposición do sector implicado un manual de recursos en lingua galega para actos funerarios , ademais do Servizo de Normalización Lingüística que dirixe o técnico municipal Xaquín Vázquez.
Placas nos cemiterios
Do mesmo xeito, o Concello melidense colocará nos cemiterios municipais —o do Castelo e o de Furelos— unha placa na que poderá lerse: «En memoria das persoas que aquí xacen porque grazas a eles Galicia segue a ter unha lingua e cultura de seu». Ao texto aludiu o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística para explicar a razón de ser do Día da Restauración da Memoria Lingüística, que o colectivo celebrará un ano máis coincidindo coa festividade de Defuntos. «A contradición dos que están aí soterrados é que están nun idioma que non era o seu», dixo. Desa «anomalía cultural» tamén falou Lourdes Batán, subdirectora xeral de Política Lingüística da Xunta, que colabora na campaña. Nas súas verbas, esa dicotomía «quizás sexa o exemplo máis patente de cal foi a realidade lingüística de Galicia durante moitos séculos, da disociación entre a lingua do pobo e as utilizacións oficiais que se facían».