O Foro Enrique Peinador entregoulle o Premio á Galeguidade Empresarial
Foi unha festa por todo o alto e non era para menos, Embutidos Lalinense cumpre este ano 75 anos de historia e o festexou onte, fiel as súas orixes, na compaña de moitos amigos, traballadores, veciños, empresarios e autoridades cun acto no que esta empresa familiar, que vai pola terceira xeración, recibiu o Premio á Galeguidade Empresarial outorgado polo Foro Enrique Peinador.
Cruz López, responsable de comunicación de Embutidos Lalinense e neta de Amancio e Celia os fundadores, recibiu o premio en nome da familia e firmou a declaración a prol do uso do galego sumándose deste xeito a unha ampla relación de empresas que utilizan o galego nas relacións laborais, publicidade, etiquetaxe dos produtos de venda para o consumo en distintos sectores elaboradores de produtos agroalimentarios que son comercializados tanto no territorio galego como alén das nosas fronteiras. Coa sinatura da declaración que tamén rubricou o presidente do foro e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, Embutidos Lalinense solicita a súa colabora.
O acto, conducido por Rafa Durán, pechouse coa proxección dun documental realizado por a produtora lalinense Arthur Gordon, que ten a Emilio Fernández ao seu fronte, que recolle «dende o corazón» os 75 anos de historia de la empresa que camiña a paso firme e segue medrando. O alcalde de Lalín, José Crespo, abriu o turno de intervencións, pondo en valor actuacións tan necesarias como esta para reivindicar e espallar o uso do galego en calquera eido. «Iniciativas coma esta que priman o noso idioma son moi necesarias. O galego cada vez fálase menos e a acción máis pequena vale máis que a intención máis grande».
Pola súa parte, Xosé González Martínez, presidente do Foro Emilio Peinador fixo fincapé moas empresas como a conserveira Masso en 1934, Celtia en 1952, o Balneario de Mondariz en 1920 ou Sargadelos e Cerámicas do Castro en 1972 utilizaban o galego nas súas actividades empresariais. Insistiu en que «para estar no mercado hai que estar cunha identidade propia», e que mellor que mostrar esa identidade a través da lingua cunha etiquetaxe que testemuñe a orixe galega dos produtos. «Para sermos existentes temos que ser diferentes», engadiu.
Lito Andión da cooperativa Hoxe confesou que «a min iso de Quesos Hoxe sonábame fatal» e defendeu que «a xente acepta que vaia etiquetado no seu orixe e a aceptación de que vai en galego é moi boa». Para o director xeral de Seguridade A1, Manuel Rial, subliñou que «o galego é igual a ser especial e ser orixinal». Felicitou a Embutidos Lalinense «por rachar moldes e desmontar mitos», por innovar e levar o galego por bandeira facendo fincapé nos beneficios de produtos como o seu kit antimorriña. Carlos Varela, fiscal da Fiscalía Superior de Galicia, lembrou cando «Galicia chegaba ao Douro», e as leis que protexen a nosa lingua.
Para o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ese kit antimorriña «é moito máis que comercializar carne, patacas e grelos, é facer país. Considera que o etiquetaxe en galego «da un plus aos produtos» e «marcan proximidade, confianza, denominación de orixe». Defendeu que «o galego ten futuro e a esperanza de que igual o galego será o que nos salve a nos» desexando para Embutidos Lalinense «mil primaveras máis».
Os Dezas de Moneixas encargáronse de por a nota musical nun acto que contou cunha nutrida asistencia de autoridades entre os que se encontraban ademais o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o eurodeputado Nicolás González Casares; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, a tenente alcalde, Mónica González: a tenente alcalde de Lalín, Paz Pérez e o tenente alcalde de Rodeiro, Alberte Lamazares, entre outros. Unha cita á que se sumaron numerosos empresarios e toda a plantilla de Embutidos, incluídos moitos xubilados que non quixeron perder unha festa nun ambiente de familia na que se respiraba o amor á terra.