Os galardóns entregáronse en Esposende a Terras de Bendaña e Adegas Celme
A Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), acolleu este sábado tras dous anos de obrigado parón pola pandemia a entrega dos premios Bacelos de Prata. A iniciativa da asociación Álvaro das Casas chegou a súa edición número catorce, na que se premiou o apoio á lingua de dúas bodegas que apostan por lanzar as súas etiquetas en galego. Trátase de Adegas Terras de Bendaña, da denominación de orixe Ribeira Sacra; e Adegas Celme, da D. O. Ribeiro.
A primeira delas ten a súa sede en San Pedro de Lincora (Lugo). Foi pioneira no uso da lingua galega na etiquetaxe do seu viño Terras de Bendaña, feito con variedades propias do territorio. Tras trinta anos de actividade, a bodega conta cun Centro Etnográfico Ribeirao promovendo unha homenxae as paraxes da ribeira chantadina.
Pola súa banda, a ourensá Adegas Celme naceu en Astariz (Castrelo de Miño) da man de dous novos emprendedores que decidiron sacar adiante o seu proxecto vital apostando pola recupación do agro como forma de vida.
No acto de entrega dos premios, que contou coa actuación musical de María do Ceo, é unha comida posterior, o presidente da asociación, Avelino Muleiro, destacou que o uso do galego por parte de proxectos empresariais da comunidade debe ser unha prioridade.