AVELINO OCHOA
O Día de Defuntos visitei o cemiterio e fun recoñecendo nichos de coñecidos, queridos como se quere nas aldeas pequenas. A maioría nunca falaran castelán, pero os seus epitafios estaban nese idioma, alleo para case todos eles. O ensino, o tempo, os cambios, a política, non esmagan os ovos de serpe que aniñan na sociedade para matar o prestixio do galego. Nestes días tamén se publicou a enquisa que constata a caída de galegofalantes. Resalta que dá igual que goberne os concellos un partido ou outro. Nos municipios urbanos e semiurbanos, uns co BNG só á fronte e outros co PSdeG, ou conxuntamente, o baixón é máis acusado que nos municipios rurais, maioritariamente nas mans do PP.
Coincidindo no tempo, convocados pola consellería que inclúe Lingua na súa denominación, celebrouse unha xuntanza dos grupos do Parlamento de Galicia por ver de alcanzar unanimidade na defensa do noso idioma. En tempos máis complexos houbo consensos enraizados nun longo proceso de toma de conciencia desde a segunda metade do século XX. Así, cara a 1965 a Universidade de Santiago de Compostela nomeou catedrático de Lingua e Literatura Galegas ao profesor Carballo Calero e en 1971 fundou o Instituto da Lingua Galega poñendo á fronte a Constantino García González. En 1973 Xesús. Alonso Montero publicou o coñecido Informe ?dramático? sobre a lingua galega, no que propuxo educación e medios de comunicación en galego e que as «minorías obreiras e campesiñas» usasen a nosa lingua con orgullo.
En 1978 a Constitución española estableceu a cooficialidade do galego. O Estatuto de Autonomía, de 1981, di que o galego é a lingua propia de Galicia. En 1983, sendo presidente Xerardo Fernández Albor, aprobouse a Lei de Normalización Lingüística (LNL) por unanimidade. No abril dese ano ditouse o chamado Decreto Filgueira, un avance. En 1985, no aniversario do nacemento de Rosalía, empezou a emitir a Radio Galega. e o 24 de xullo, véspera do Día de Galicia, a TVG, instrumentos fundamentais. En 1986 o Tribunal Constitucional en mala hora acolleu o recurso contra a LNL presentado polo goberno de Felipe González e rexeitou o deber de coñecemento do galego que figuraba nela. En 1988 o presidente González Laxe firmou a Lei que acordou que o galego fose lingua oficial da Administración Local.
Chegado Manuel Fraga á presidencia empezou falando do «bilingüismo harmónico», do que a lingüista inglesa J. Beswick dixo que era «simply do nothing and let Nature take its course», un vulgar hai que ir morrendo. En 2001 o Estado ratificou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, á que pouco caso lle fai. No 2004 a Xunta, con Manuel Fraga evolucionando, aprobou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, editado xa cun prólogo de Emilio Pérez Touriño. Este plan é un modelo de elaboración participativa de normas —sinalar o traballo do grovense Pedro Benavente, do cambadés Benito Montero, ou do loitador X. González Martínez— e contempla 445 medidas, anovadoras e actuais. O goberno da Xunta do PSdeG-BNG ditou o Decreto 124/2007 establecendo á lingua materna predominante como vehicular no ensino infantil, que as educacións primaria e secundaria fosen en galego e no Bacharelato ao 50%. En 2010 —presidente Núñez Feijoo— derrogouse esta norma e aprobouse o aciago Decreto do Plurilingüísmo, rexeitado polo Consello de Europa, que reduce a presenza do galego ao 33 %, coa obrigatoriedade de impartir en castelán as materias científicas.
Un desprezo. Aquel marabilloso consenso social e político co Plan de Normalización non permite dúbidas de que procede repetilo, en espírito e contido, por deixar de comprobar que na escola e na sociedade nidifican ovos de serpe castelanizantes. Darse conta de que unha lápida en castelán non pinta nada para lembrar a quen falou galego é un comezo. E un respecto.