La Voz de Galicia – Cita na república dos soños

Na república dos soños que aínda vive polas terras de Santiago, Rubiás e Meaus, os territorios promiscuos que en tempos non atenderon nin obedeceron leis españolas nin portuguesas, xuntáronse onte de novo os Amigos do Couto Mixto. Como cada verán viaxaron ata a igrexa de Santiago de Rubiás (Calvos de Randín) para abrir a arca das tres chaves, reivindicar a lei dos homes que representaban a cada un dos lugares que compuñan a chamada «Andorra galega» e incorporar novos nomes e institucións ao colectivo que reivindica a memoria histórica e o legado dos antigos territorios independentes.

 

Nesta ocasión a cita aportaba máis novidades que a toma de posesión dos novos xuíces honorarios: o relevo ao fronte do colectivo dos Amigos do Couto Mixto. Nunha xuntanza celebrada hai uns días acordouse designar ao fiscal Carlos Varela como novo presidente da asociación e onte xa exerceu como tal.

 

Luís García Mañá recoñecía onte que propuxo deixar a presidencía dos Amigos do Couto Mixto «porque ao ser senador prefiro non seguir á fronte do colectivo para que non se mesture unha cousa coa outra. Obviamente iso non quere dicir que non siga a traballar, como todos os meus compañeiros, neste proxecto que ten na amizade entre os pobos de Galicia e Portugal e na reivindicación deste territorio o seu obxectivo».

 

Na súa primeira intervención como presidente do colectivo, Carlos Varela incidiu no réxime xurídico dos pobos que no seu día quedaron fóra das leis dos dous países e que se foron gobernando conforme aos acordos que se acadaban no adro da igrexa que onte os acolleu por parte dun representante de cada un dos tres lugares.

 

No acto procedeuse a nomear novos xuíces honorarios do Couto Mixto ao secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, ao director xerente de Expourense, Alejandro Rubín Carballo, e á eurocidade formada por Salvaterra de Miño e Monçao -representada polo alcalde galego e o presidente da cámara portuguesa-. No acto da igrexa de Santiago de Rubiás contouse coa actuación do dúo Kalekoi e a cantante María do Ceo.