Celebración en Xermade do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia: «Queremos que o galego se aplique de verdade»
XOSÉ MARÍA PALACIOS
Os concellos son «suxeitos fundamentais» na normalización lingüística, e algúns semellan dispostos a exercer ese labor. «Queremos que o galego se aplique de verdade», dixo este martes o alcalde de Xermade, Roberto García, durante a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Os actos desenvolvéronse na parroquia de Momán, onde os desexos dun maior uso do galego nos enterros, expresados en varias intervencións, tiveron ademais unha aplicación concreta.
Por unha banda, na porta do cemiterio colocouse unha placa en lembranza desta xornada. Por outra, nunha lápida substituiuse a posta hai anos, escrita en castelán, por outra na que se emprega o galego. Fíxose na campa de Jesús Paz Paz (1934-1995), que era coñecido como Suso o Panadeiro e que desenvolveu un amplo labor na parroquia, na que presidiu a asociación de veciños e participou na creación do grupo Novas Estrelas e dunha feira de artesanía.
Na igrexa da parroquia, diante de case un cento de veciños, a secretaria do Concello xermadés, Cristina Varela, lembrou que a Irmandade Xurídica Galega levaba anos traballando para que o galego acadase unha normalización lingüística mesmo nos cemiterios. Tamén salientou que Jesús Paz Paz fora en vida un exemplo de compromiso cos veciños e que agora, de xeito póstumo, mantiña ese vencello coa parroquia. Xaquín Monteagudo, presidente da Asociación de Funcionarios para a Memoria Lingüística, explicou que o colectivo loitaba para que o galego, aínda que soe a paradoxo, fose un idioma empregado acotío en calquera ámbito, non cun uso litúrxico.
No acto houbo tempo para a poesía e para a música. Dos versos ocupouse a avogada e escritora vilalbesa Luz Airado, que leu un poema de Rosalía de Castro, e dos instrumentos e das voces, o grupo da UNED Sénior da Coruña, que dende hai anos ten actividade en Momán cunha aula. O coordinador da UNED Sénior na comarca é o párroco de Momán, Luis Rodríguez Patiño, que explicou unha situación vivida como crego hai máis de corenta anos: expúxolles aos fregueses a posibilidade de elixiiren o idioma que desexaban nos oficios relixiosos, e el aceptou o emprego do castelán porque así foi escollido e porque así seguía preto dos veciños.
Recuperación de espazos
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, amosouse satisfeito de que o galego fose recuperando o espazo «que nunca debeu perder». Xa no cemiterio, Lucía Paz Calvo lembrou que seu pai, nado en Roca (Guitiriz), chegara a Momán «co posto», o cal non foi obstáculo para que na parroquia acabase deixando unha fonda pegada. Ao acto acudiron a viúva do finado, Sara Calvo, e tres fillos (Lucía, María Jesús e Marcos).
Aos actos acudiron o coordinador da Asociación Cultural Xermolos, Alfonso Blanco, e a presidenta do Instituto de Estudos Chairegos, Marisa Barreiro. Tamén estiveron presentes o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e a coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato.