Numerosas personalidades do mundo da xustiza en Galicia déronse cita este sábado en Pontevedra con motivo da asemblea anual da Irmandade Xurídica Galega. As actividades repartíronse entre a Audiencia Provincial, onde se descubriu unha placa conmemorativa da primeira sentenza en galego hai trinta anos, e o salón de plenos da Deputación, onde se levou a cabo a asemblea e recepción de quince novos irmandiños.
Pontevedra, a pioneira
Nas intervencións ao carón da Audiencia, fíxose unha defensa apaixonada do emprego do galego na xustiza e tamén nas Administracións públicas. Participaron o presidente da asociación, Xaquín Monteagudo, así como o avogado Avelino Ochoa, o fiscal xa retirado Benito Montero, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.
Pola súa parte, na asemblea fíxose unha homenaxe a título póstumo a Xosé Fariña Jamardo, quen foi moitos anos secretario da Deputación.
Solicitude de máis sentenzas en galego. O avogado Avelino Ochoa estimou entre un 1 e un 2 % o volume de sentenzas en galego ao ano en Galicia, ou sexa, de 3.000 a 4.000 entre 319.600 ditadas nas catro provincias.
Os protagonistas da placa homenaxe, como impulsores do emprego do galego na Xustiza. De esquerda a dereita: Xoán Manuel Alfaya Ocampo, Benito Montero Prego, Xosé Xoán Barreiro Prado e Luciano Varela Castro.
Asemblea na Deputación. A Irmandade Xurídica Galega, acompañada por invitados e público, celebrou a súa asemblea anual no salón de plenos da Deputación de Pontevedra.