La Region-Xuices honorarios e o Couto Mixto

Rosendo-Luis Fernández

Escribía hai unhas semanas, despois da última remesa de xuíces honorarios do Couto Mixto, o paradoxo que se da no concello da Calvos de Randín -onde se alberga a igrexa que acolle os actos-, que sendo moitos os xuíces daquela distinción, non se logra dar cumprimento á Lei Orgánica 5/1985; e non porque unha xuíza das de verdade non ditara sentencia. Pero hoxe mesmo, infórmame La Región de que unha xuíza honoraria presentou unha iniciativa no Parlamento para reclamar á Xunta compromiso co Couto Mixto. A xuíza honoraria, na súa condición de parlamentaria, faise valer, e bota por terra a condición que tiña para min de tan altas como dignas e inútiles distincións que acompañaban a figura dos xuíces honorarios. Estes altos, distinguidos e dignos, como ata o de agora inútiles persoeiros, viñan a recordar a república esquecida do Couto Mixto. Pero os tempos para o Couto Mixto tamén foron chegados, e nunca mellor cunha iniciativa, non para pagar o favor: ‘A Parlamentaria -xuíza honoraria- do PSdeG reclama da Xunta compromiso co Couto Mixto’. ¡A boas horas, mangas verdes!

A igrexa de Santiago, en Calvos de Randín, é o sagrado lugar que alberga a aclamación de tan dignos como inútiles -só ata o de agora- xuíces honorarios; pero segundo din os que alí se reúnen cada ano, a igrexa estase deteriorando. A culpa, ¡que lles vou a dicir!, é orfa. O Bispado pregoulles, nesta ocasión, a tan altos como dignos e inútiles -ata o de agora- honorarios/as que ano tras ano son acollidos na igrexa, deixen en paz aos santos. A partires desta petición, uns non entenden a autoridade eclesiástica, a outros dóelles e hai os que apelan ao secretario de Estado para Asuntos Europeos que, aínda á distancia, promete solucións o ano que vén para a república esquecida. A presidencia española na UE obrará a milagre, e chegará a todos os lados.

¡Pero non é suficiente! Unha xuíza, aínda que sexa honorífica, ten que demostrar galóns e desterrar a miña teima da inutilidade dos honorarios de marras. Agora xa hai quen de poñer unha Proposición non de Lei, para instar ao Goberno autonómico a comprometerse de non máis esquecemento de república esquecida. Pero tan alta, como digna e inútil -só, ata o de agora- figura honoraria, ben puido levala durante a lexislatura que expirou hai só uns meses, na que gobernaban os seus. Seguro que o éxito estaría garantido. Ou esperar que o anuncio promesa, feito a distancia, do secretario de Estado, se convertera en realidade milagreira.

¡Equivoqueime!, teño que pedir perdón. Só hai unhas semanas dixen que o que necesitaba Calvos de Randín eran xuíces de verdade, non os honorarios, para facer cumprir a lei canto antes. Sempre se di que unha xustiza lenta é unha grande inxustiza. E no pequeno concello do corazón da Limia ata puidera ocorrer que rematara a lexislatura e non se levara a término o cumprimento da Lei 5/1985; despois que máis daría. Hoxe non me queda máis remedio que calificar aos xuíces honorarios como de alta, digna e xa útil distinción. ¡Por reivindicación extemporánea!

Recoméndolles aos ilustres que nomean cada ano aos xuíces honorarios que non desfalezan, que algún/a sempre sairá utilmente reivindicativo/a. A república do Couto Mixto seguirá esquecida, ou non. Quen non esquece e o interese por pedir agora, ata que sexan outros os que fagan a mediación fronte ao Bispado. ¿Chámase a iso oportunismo…?

Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Previous articleFaro de Vigo – El PSOE reclama que se potencie el Couto Mixto como “enclave histórico” relevante
Next articleLa Opinion-A República dos Arraianos I