O Concello de Celanova e a Fundación Lois Peña Novo, xunto coa Fundación Curros Enríquez, a Deputación provincial de Ourense e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, procederán mañá ó descubrimento dun busto dedicado á figura do celanovés, Xosé Velo Mosquera, quen formou parte dende moi novo do movemento pioneiro que deu pé nos anos da II República para o xurdimento das mocedades galeguistas, de cuxa federación galega chegou a ser secretario de organización, xunto co seu amigo e conveciño Celso Emilio Ferreiro.
O acto terá lugar ás 12,30 horas no Parque das Triguerizas, que foi o lugar elixido polo Concello de Celanova para asentar este monumento, moi preto de onde se atopa a rúa que tamén leva o seu nome dende que foi aprobado no ano 1996 pola corporación municipal.
No transcurso do acto será repartido de forma gratuíta un libro escrito por Antonio Piñeiro e publicado pola Deputación de Ourense, e no que se relata a posible fuxida de Pepe Velo cara Portugal, no ano 1948, e a súa chegada a Lisboa, onde lle foi concedido por parte do Consulado venezolano na capital portuguesa, un visado de emerxencia que lle permitiu fuxir cara Caracas.