La Región – Parabéns, señoras

Hai un tempo, os romanos entraron en Galicia cargados de espadas (gladium), escudos (scutum) e cepas (vitis). Os lexionarios romanos xeneralizaron o cultivo da vide no noso país, establecendo as primeiras plantacións estables nas ladeiras dos ríos polo seu microclima. Vinte séculos despois, son os nosos viños os que entran orgullosos na Roma, outrora imperial, tamén en forma de vermú.

Hai un galego de Padrón nos mellores restaurantes romanos, venecianos, ou piamonteses. Non debe ser fácil competir no país do vermú, pero alí está o auténtico Padrón rosaliano, romanizado e beatificado como St. Petroni.

Falamos dun bo viño albariño fermentado sobre lías, macerado e aromatizado co imprescindible absinthium e outras plantas do país. Quizais tamén coa capsicina do pemento do Herbón, pero isto entra no imaxinario dunha formulación que sitúa un bo produto nunha elegante botella etiquetada nese galego que os italianos comprenden tan ben. Tamén o entenderon no Secret Vermouth de Madrid onde hai algún tempo foi o único vermú de todo o estado que compartiu mesa e mantel cos mellores vermús procedentes de Alemaña, Austria, Italia e Francia.

Vender trescentas mil botellas cada ano en quince países, etiquetadas en galego, ten o seu “aquel” e convértese certamente nun acto de fe, de autoestima, de acreditar que é posible utilizar un patrimonio cultural e lingüístico como valor engadido a un produto xenuinamente galego. Por esta razón, a Asociación Álvaro das Casas acordou conceder un Bacelo de Prata como recoñecemento a esta iniciativa empresarial.

Seguramente, algo terá que ver que Vermutería de Galicia estea comandada por unha muller, Cristina, do mesmo xeito que Conservas Ecolóxicas Amorodo tamén navega baixo o timón de dúas mulleres, María Victoria e Yolanda, que souberon ver que tamén no rural interior hai posibilidades e foron quen de crear unha empresa aos pés de Soutelo de Montes, en Vilapouca, para elaboración e comercialización de conservas vexetais, inicialmente para o mercado local, pero que hoxe está presente en todo o mercado español e do norte de Portugal.

Grelos, tomates, pisto, xudías, marmelada de amorodo ou kiwi, ou a suculenta pera con albariño, nunha coidada e exquisita elaboración etiquetada en galego, reafirman orgullosos a súa orixe, e fan a esta empresa merecente tamén do Bacelo de Prata.

Na Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegas (Irgade) sabemos que no mercado da alimentación, o galego vende, e vende ben. Tamén o saben estas mulleres. Parabéns, señoras!

Xosé Carballido