La Región – Os Bacelos de Prata 2024

Manuel Herminio Iglesias

O sábado pasado en Esposende, Concello de Ribadavia, fíxose a entrega dos Bacelos de Prata de 2024. Como xa é de costume o acto estivo cheo de sobriedade e certo sabor rural. Nel, nun ton moi amabel pero reivindicativo, premiouse a dúas empresas vinculadas ó mundo do sector primario que foron: A adega Pazo Lalón e Kalekói. Esta dúas marcas foron galardoadas polo seu dobre compromiso: a calidade dos seus produtos e a promoción e o etiquetado na lingua de Rosalía. A primeira, polos seus viños de gran calidade e, a segunda polo seu leite e derivados que comercializa con grande éxito. Foi un acto moi sinxelo, mais cheo de calidade onde a música, moi escollida, da man de María do Ceo e os seus acompañantes, intercalada coas diversas intervencións deulle a esta entrega un calor poético e fermoso. As diversas intervencións dos distintos oradores amosaron unha boa mostra do nivel e dos obxectivos que se perseguen nestes premios.
Polo que os Bacelos de Prata son xa unha cita que anos tras ano consolídase e abre portas dunha maneira moi amabel para a difusión e o sentir do que se produce nesta terra e vende incluso alén das nosas fronteiras. A asociación organizadora con moito acerto, vai abrindo camiño e ampliando espazos para a cultura en xeral e, en particular, para idioma. E faino dunha maneira que crea empatía e fuxe das imposición e da obriga. Polo que vincula o traballo e o esforzo da xente do rural que fala o noso idioma coa súa maneira de ver e entender ó medio no que habita; que anima o orgullo de ser e de lanzar ó mundo os seus produtos con unha marca de unión coa terra e a identidade dos que habitan nela.
Nesta acto subliñarei o discurso de Avelino Muleiro, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. O primeiro coa súa fala pausada e tranquila expuxo un tratado como se fose unha retrato do que hoxe é Galicia actual. E nel amosou como está hoxe a vida no sector primario e por extensión en todo o mundo rural galego. Un mundo onde desaparecen pobos, e onde hai milleiros de aldeas baleiras ou con moi poucos habitantes que corren o perigo de esmorecer nun futuro inmediato. Un espazo xeográfico onde, en boa parte, campan os eucaliptos e as acacias. Especies invasoras que no caso das acacias nada aportan á economía. E por elo, o grande reto da actualidade implica poñer a producir milleiros de hectáreas para mellorar o desenvolvemento desta terra que sí ten futuro. Muleiro, dunha maneira moi sinxela e distendida, deixou no aire un tema pra reflexionar e buscalle unha solución. E lanzoulle ós presentes, entre os que estaban moitos políticos, unha mensaxe: Se perdemos o idioma e con el o mundo rural perderemos a identidade e a marca de sermos nós. A sinal de ser algo neste mundo que camiña cara a uniformidade que nos converte en masa sen criterio propio. Que nos encamiña cara a ser xente sen personalidade que traballa esta terra sin criterios de futuro. No tocante á intervención do secretario xeral de Política Lingüística cabe subliñar o reto que lanzou sobor do idioma. Pois segundo dixo son milleiros de emigrantes os que chegan á nosa terra é con eles hai que practicar unha política de amabilidade para que sexan receptivos o uso do noso idioma e a nosa forma de vida.
En fin, neste sábado chuvioso ó carón da Lareira do casal dos Ulloa sonou a voz dos que, sen barullo pero con man firme, cren que o futuro de Galícia dependerá moito do vieiro que tome o sector primario. Un sector hoxe con milleiros de hectáreas cheas de mato e silvas: con un monte sen planificar que soporta a praga dos lumes e con moitas aldeas cun só habitante ás que van algúns visitantes de fin de semana.
Foi esta unha xornada onde a cordialidade estivo moi presente e que rematou coa degustación dos produtos das marcas premiadas. Noraboa para as empresas galardoadas e para a Asociación Alvaro das Casas por seguir a facer país; por seguir valorando todo o que se deriva do sector primario e, sobor de todo, polo traballo de difusión da cultura e idioma desta terra milenaria.

Previous articleO Barbanza – Falar cos defuntos
Next articleEl Progreso – Falar cos defuntos