La Región/Faro de Vigo – O doutor Peña Rey, Castelao e o compromiso

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

As cidades e vilas que se senten orgullosas de renderen homenaxes perpetuas aos seus cidadáns egrexios están habitadas pola súa memoria, representada en monumentos e placas conmemorativas que que lles dan á súa paisaxe urbá unha personalidade de seu.
Ourense é, sen dúbida, unha desas cidades que sempre honrou a aqueles persoeiros que en distintas épocas foron sobranceiras figuras. Se ben é certo que foron recoñecidos todos os que están, sen embargo, aínda non están todos os que son merecentes de tales lembranzas. Este é o caso do doutor Peña Rey, a quen a Irmandade da Sanidade Galega, Concello de Ourense e Secretaría Xeral de Política Lingüística honrarán cun acto que se celebrará o próximo sábado. Descubrirase primeiramente unha placa n a fachada do edificio onde vivíu no Parque de San Lázaro, na que se fará mención á sabedoría deste médico e galeguista militante; celebrándose a continuación un acto académico que terá como escenario o histórico e fermoso paraninfo do Instituto Otero Pedrayo.
David Simón Lorda, siquiatra e historiador da represión que o réxime franquista exerceu sobre os médicos da provincia de Ourense, recolleu nun seu libro as vicisitudes que tivo que pasar o doutor Peña Rey días despois da sublevación militar de 1936. Cárcere, inhabilitación e sancións de considerables contías económicas. Sorprende, xa que logo, que sendo Ourense unha cidade que se caracteriza polo repecto e veneración polos seus próceres, non tivese pensado nunca no doutor Peña Rey, sendo como foi un cualificado profesional da medicina e sobranceiro militante do galeguismo desde a fundación das Irmandades da Fala.
Peña Rey, especialista en xinecoloxía, gozou da admiración da sociedade ourensán polo seu rrigor e acertos no exercicio profesional. Home de moitas preocupacións científicas que actualizaba con activas presenzas en cónclaves relacionados coa medicina, participou con Nóvoa Santos e outros cualificados médicos do seu tempo no intento de crear unha Liga para loitar contra o cancro, encontro que se celebrou no Balneario de Mondariz en 1934.
A vinculación do doutor Peña Rei cos prohomes da Xeracións Nós está máis que probada a través de diversas plataformas culturais e pola súa militancia no Partido Galeguista. Nuha carta que lle escribía Castelao a Eduardo Blanco desde Badajoz onde cumpría condena de desterro, dicíalle: “Fíxenlle uns deseños a Peña Rey para unha conferencia a prol de roturas de útero e amañei unha conferencia con proieicións que din antonte en Oporto”.
Peña Rey pertenceu a unha xeración de eminentes profesionais da medicina que fixeron do seu exercicio profesional un servizo á sociedade que quixeron galeguizar e que por esta razón moitos deles foron asasinados, represaliados ou obrigados e fuxiren ao exilio para salvarense das gadoupas dunha represión feroz que se cebou nos homes de ciencia con desmedido asañamento simplemente por seren respectuosos co seu xuramento hipocrático, baseado na responsabilidade e compromiso humanístico.

Previous articleFaro de Vigo – Paz Antón presenta su libro sobre Zunzunegui, el “médico de los pobres”
Next articleLa Region – Homenaxe “xusto e necesario” ao xinecólogo Manuel Peña Rei