La Región – Luis Soto volveu á súa terra, Vilanova

Emoción, orgullo de pobo e algunha que outra vágoa víronse onte no burgo medieval de Vilanova dos Infantes con motivo da homenaxe “de xustiza” que a Fundación Lois Peña Novo lle organizou a Luis Soto. Un home xusto e honrado, un mestre comprometido, un activista cultural e un político loitador da República e, sobre todo, de Galicia. Terra da que tivo que fuxir pero a cal sempre levou no seu corazón. Onte volveu para quedarse nun busto en bronce de gran realismo obra de José Molares.

Un documental e unha escultura lembran, dende onte na rede e tamén nunha praza de Vilanova dos Infantes, a figura de Luis Soto Fernández. A Fundación Lois Peña Novo organizou un acto de reivindicación e dignificación deste ilustre persoeiro celanovés, que circunstancialmente naceu en Podentes (A Bola), que incluíu a estrea do documental “Luis Soto, discurso para un país” no Auditorio Ilduara e que despois se trasladou ata a Vilanova, onde se descubriu o busto obra de José Molares.
O audiovisual, dirixido por Pío García con guión de Carme Vaquero, serviu para que intelectuais, amigos e a familia puxesen os puntos sobre as íes na traxectoria dun mestre revolucionario que deu clases en Buscalque ou Penosiños e que, antes e despois da guerra e do exilio, loitou polas liberdades e pola identidade galega.  Soto, que creceu nunha familia progresista, amosou dende neno o seu compromiso pola terra. Foi quen, tal e como lembraba o seu amigo Xosé Luis Méndez Ferrín, de parar a construción dunha levada privada e reconvertila na primeira fonte do pobo alá por 1915. Un relato moi didáctico, “porque el sempre se sentiu mestre, mestre innovador”, matizaba a súa sobriña Sara Feijoo Soto, no que amosase unha figura defensora do estatuto de autonomía de Galicia, que estivo nas orixes da creación do partido comunista de España en Ourense e da UPG e tamén da revista Vieiros, sufragada do seu propio peto.  “Non foi un actor secundario nas xiras de Castelao por Cuba e Estados Unidos”, reivindicaba o escritor Xurxo Martínez, quen destacou o seu traballo de base na creación de una rede en favor da República.
Xa na praza de Vilanova, viviuse un acto máis familiar onde se desvelaron os amoríos xuvenís de Curros Enríquez coa aboa de Soto -Manuela- e tamén para reivindicar á primeira muller do mestre, Consuelo, e o seu cativo enterrado en Vilanova cando el estaba agochado. Algo que quixo lembrar tamén a súa sobriña, quen emocionada profesou publicamente o cariño á familia de Vilanova de Soto, ao tempo que escusou a ausencia dos dous fillos de Soto que residen en México.
Antes de pechar o acto, coa interpretación do himno galego da man da Banda de Vilanova, tomou a palabra o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para subliñar a obriga da Xunta de “por en digna memoria” a figuras como Luis Soto, “un home xusto, honesto e xeneroso que loito por esta terra”. Pola súa banda, o rexedor celanovés transmitiu a súa emoción e orgullo por teren asistido este mes a catro actos de revalorización dalgúns dos referentes máis destacados da “fértil” Celanova como Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Lois Soto. “Espero que o pobo de Vilanova se sinta orgulloso como me sinto eu co acto e con este monumento que daralle maior dimensión á figura de Soto e ao pobo”, dixo Puga, quen tamén tivo unhas verbas de agradecemento a Xosé González, presidente da fundación convocante, polo seu compromiso con Celanova, lembrando o busto de Pepe Velo colocado no 2020 nas Triguerizas.

Previous articleFaro de Vigo – Luís Soto. Discurso para un país
Next articleLa Voz de Galicia – Celanova lembra a Luís Soto como reconstrutor da identidade galega