Vai xa para 17 anos dende que a Asociación de Amigos do Couto Mixto comezou a traballar pola memoria dunha república a medio esquecer na raia entre Ourense e Portugal. Dende entón son moitos os personaxes nomeado como xuíces honorarios, nun acto que volverá ter lugar o sábado, día 4 de xullo, ás 12 horas en Santiago de Rubiás.
En base a que méritos foron elixidos os xuíces honorarios deste ano?
Sempre procuramos darlle un dos premios a alguén relacionado coa zona ou que estea moi identificado con ela. Neste caso, un dos premios démosllo a unha das mestras do Couto Mixto, Concepción Sanz, orixinaria de Meaus. O segundo xuíz será José Lamela, que fora alcalde de Lobios, polas súas publicacións sobre as xentes dos dous lados da raia. O último dámosllo a unha institución, neste caso ós concellos de Tomiño e Vila Nova da Cerveira, polos esforzos na procura do benestar dos seus veciños.
Despois de 17 anos traballando, que balance extraen dende a asociación?
Por un lado estamos tratando de darlle visibilidade a un recuncho do mundo que, de non ser así, non tería. Para nós, o Couto Mixto é un símbolo que tratamos de revivir porque, se non hai unha certa preocupación polo que está a acontecer na Galicia interior, nos próximos anos imos ver como van ir desaparecendo moitas aldeas.
Cales son os maiores froitos recollidos?
Hai algúns froitos materiais, como son certas inversións ou a recuperación de frescos tardomedievais, pero o que nós pretendemos é, sobre todo, a recuperación da memoria histórica e iso si que o conseguimos. Enre outras cousas, o Congreso dos Deputados e o Parlamento galego, declararon o Couto Mixto zona de especial interese cultural. De tódolos xeitos, hai que dar pasos e seguir para diante. Pensemos o que sería o Couto Mixto hoxe se non tivera perdido a súa singularidade, sería unha terra sen crise e naque os veciños vivirían con certos privilexios, algo semellante a Andorra. Isto estragouse en 1864, eles dérono todo, a súa vida, a súa terra e a cambio de que?