La Región – Galeguízase “Rodríguez López Auto”

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

No Polígono Industrial de San Cibrao (Ourense) están as naves industriais de Rodríguez López Auto, unha empresa dedicada inicialmente á fabricación de carrocerías para toda clase de vehículos que ten as súas oríxes na década dos anos oitenta. Tempo despois, especializaríanse na fabricación de vehículos de transporte sanitario, tendo hoxe o 70% da cota de mercado español. Carrozan tamén vehículos antidisturbios e de transporte especial para o Corpo Nacional de Policía así como ambulancias para as Forzas Armadas.

Tiven o pracer de coñecer a Pepe Rodríguez, o fundador da empresa, e comprobar que era un home dunhas cualidades excepcionais para os negocios. Adoitaba falar sempre en galego. A súa antropoloxía cultural, que adquirira na súa infancia na aldea, da que se sentía orgulloso, seguía a ser unha compoñente esencial da súa personalidade. Lembro gratamente aquela reunión que mantivemos no despacho do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que foi o que nos presentou. Cando lle propuxen incorporarse ao Foro E.Peinador a través dun acto previo de investidura de galeguismo empresarial non o dubidou. E nese proxecto estabamos cando unha súbita doenza acabou fatidicamente coa súa vida.

O seu fillo José Enrique Rodríguez Jorge, enxeñeiro industrial, cumprimentou o mandado do seu pai de incorporala ao proxecto galeguizador que lle presentaramos. De aí que agora estea planificando con entusiasmo o proceso de incorporar a lingua galega naquelas actividades da empresa que non serán poucas, contando colaboración do seu irmán Oscar.

O próximo día 13 de decembro celebraremos con solemnidade a Investidura de Galeguidade Empresarial de Rodríguez López Auto, acto que ao seu fundador teríalle gustado presidir. Paralizarase a actividade fabril para que traballadores e convidados, entre os que se atoparán un número considerable de empresarios sexan testemuñas dun acto excepcional. Descubrirase unha placa que deixará constancia do mesmo e agradecemento ao seu fundador; a seguir, nunha nave preparada para a ocasión, presentarase o programa de galeguización que se porá en marcha (sinalética, nóminas, negociación colectiva, contratos de traballo, páxina web…) coa sinatura dun convenio de asistencia lingüística coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O dúo formado por Emilio Rúa e Rosa Cedrón deleitarán aos asistentes cunha escolla do seu repertorio musical.

É de agardar que o exemplo desta importante empresa sexa secundado polas demais do polígono industrial e doutras latitudes da xeografía galega, porque o ecoar das intencións e intervencións dese día chegarán a través dos medios de comunicación ben lonxe. Estamos seguros de que así será. A experiencia acumulada durante os vinte últimos anos permítenos albiscar o futuro con optimismo. Cada empresa galeguizada motiva novas adhesións.

Este acto de Investidura de Galeguismo Empresarial é parte dun amplo programa que nas próximas semanas desenvolverá o Foro E. Peinador. Comezará o día 10 de decembro coa entrega dos premios á publicidade galega promovidos polo Parlamento de Galicia, Secretaría X. de Política Lingüistica e máis o Foro que serán entregados en sede parlamentaria.

O 11 de decembro conmemoraremos en Lugo o 95 aniversario do 1º Congreso de Economía de Galicia coa exposición de relatorios sobre temas de actuaidade e a homenaxe ao empresario galeguista Antonio Fernández López. Algunhas das súas empresas foron precursoras da Responsabilidade Social Corporativa e do uso da lingua galega na publicidade; descubrirase un busto seu ao pé da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Perpetuarase así o exemplo do seu labor no mecenado e compromiso co desenvolvemento económico de Galicia.

Días despois, o 21, entregaranse os premios Bacelos de Prata ás marcas comerciais que etiquetan os seus produtos en lingua galega nun acto público que se celebrará no pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia).

E xa, en xaneiro, o día 11, a Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros (unha póla do Foro E. Peinador), celebrará a magna asemblea anual coa incorporación de novas empresas do sector que apostaron pola galeguización das súas marcas comerciais, e as próximas campañas para fomentar o consumo galeguizado.

Deixar comentario

Please enter your comment!
Please enter your name here