La Región – Enrique Peinador Lines, memoria dun empresario galeguista

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Na miña memoria gardo o vivido en Mondariz-Balneario con Luís Soto. Ocorreu hai ben anos. Visitabamos o balneario e naquel escenario o vello amigo evocou a grandeza política de Enrique Peinador a quen algún día Galicía terá que renderlle recoñemento en pública homenaxe. Gardei para min aquel desexo durante moito tempo, e cando as circunstancias foron propicias boteime ao rescate da súa memoria.

Cóntame José Antonio Lorenzo, alcalde do Concello, a quen lle debemos o seu apoio incondicional neste empeño, que non hai hóspede do balneario, voda ou calquera outro acontecemento social que ali se celebre que non acaben fotografándose no monumento a Enrique Peinador Lines. É o monumento de referencia da Vila. Tampouco pasa desapercibido o busto do mesmo escultor para os estudantes da escolas de Enxeñería Técnica e dos de Estudos Empresariais, colocado nas súas inmediacións.

Se a iso lle sumamos a documentadísima biografía do profesor Ricardo Gurriarán publicada polo Foro E. Peinador, podemos afirmar que aquel empresario soñador a quen o xornalista Xohan Carballeira denominou, polos seus moitos merecementos “cónsul do galeguismo”, o rescate da súa memoria está feita en boa parte.

Peinador foi, sen dúbida, o creador da fórmula aritmética tan usada polos planificadores da economía: I+D+i , á que el lle engadíu outro sumando, o “ G”, de galeguismo; e precursor tamén da contribución activa e voluntaria, coñecida como Responsabilidade Social Empresarial ou Corporativa.

Para os que descoñezan a biografía de Enrique Peinador Lines cómpre informalos que foi membro do Comisión Excutiva do Partido Galeguista. Fixo de intermediario con moitos empresarios para que abrazasen o galeguismo con moito éxito.

Recordemos aquí que a fábrica de Massó,en Bueu, en 1934 tiña toda a sinalética interior en lingua galega. Que o noso idioma campase nos muros da conserveira foi un dos éxitos atribuído a Peinador. Ramón Cabanillas, foi encargado de prensa e relacións públicas do balneario (figura orixinal no panorama empresarial do seu tempo), que exercía de animador de tertulias e conversas con personaxes influíntes nas estancias do hotel, mentres era concelleiro na corporación municipal de 1929.

Grazas ao mecenado de Peinador, a revista “Nós”, que durante un ano e medio interrompera a súa publcación por falta de financiación, volveu saír do prelo.

Poucos saben que Enrique Peinador acudíu ao despacho de Portela Valladares, sendo este ministro de Gobernación para interceder por Castelao e Bóveda, cando estaban sancionados polo Goberno de Lerroux con desterro en Cádiz de Badajoz.

A súa presencia é múltiple. Vémolo participando no Pacto de Barrantes, no mitin das arengas na praza da Quintana, viaxando a Tolosa para solidarizarse coas minorías vasca e catalá no Congreso dos Deputados que decidirán abandonar o hemicilio parlamentario nunha sesión polo ataque do goberno central á Generalitat pola lei catalá de contratos de arrendamento. Acude ao cárcere Modelo a visitar a Lluis Companys para transmitirlle a solidariedade do Partido Galeguista. Está presente na reunión que en Madrid os galeguistas mantiveron con dirixentes de Izquierda Republicana para falaren do Estatuto de Autonomía. e establecer un pacto para a súa materialización plesbicitaria (co seu apoio económico,por certo) e posterior sanción polo Congreso.

En 1936 Enrique Peinador Lines, sendo un home acaudalado, non sei foi coa escisión provocada pola Dereita Galeguista; formou parte dos 27 precandidatos eleixidos do PG para formar parte das listas electorais da Fronte Popular. E para rematar o seu ciclo político prebélico, cómpre salientar que foi a Madrid formando parte dunha comisión encargada de entregar no Congreso o texto do Estatuto de Autonomia.

Enrique Peinador morreu en Vigo o 20 de xuño do ano 1940, con sesenta anos, ben novo, dous meses despois de que fose fusilado polos sublevados en Madrid o seu fillo Enrique Peinador Porrúa, posiblemente pola tristura que lle causara aquel suceso, despois de intentar reogarnizar o PG na clandestinidade.

Nas vésperas do Día da Patria Galega, ben está que fagamos este exercicio de memoria.

Deixar comentario

Please enter your comment!
Please enter your name here