Cortegada acollerá o vindeiro mércores, 29 de decembro, un acto conmemorativo do 120 aniversario do nacemento do xurista e etnógrafo galeguista Fermín Bouza Rey e o centenario da Xeración Nós. O evento está promovido pola Irmandade Xurídica Galega e contará coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, o secretario xeral de Política Linguística, o presidente da Deputación de Ourense e o rexedor do Concello de Cortegada, ademais dunha vintena de alcaldes ourensáns.
O cemiterio de Cortegada acollerá o primeiro dos actos as doce do mediodía e, a continuación, os participantes trasladaranse á casa do concello onde as entidades convocantes e os concellos da provincia de Ourense asinarán a “Declaración de Cortegada”. Un documento en defensa do patrimonio paisaxístico, material e inmaterial, así como o compromiso de utilizar a lingua galega nos usos xurídicos.