La Region – Bendito Clan

Antonio Piñeiro
Antonte, no transcurso do xantar que compartín cun amigo e cunha compañeira de profesión do tal amigo que non hai moito tempo tivo altas responsabilidades institucionais, déusenos por falar, entre outras moitas cousas, da singularidade do Couto Mixto e do efecto de valorización social e cultural que unha iniciativa coma a da asociación de amigos do Couto Mixto xerou nunha poboación que ata o momento do nacemento do colectivo, estaba tan agachada no mapa real de Galicia como a propia señardade do Couto estaba esquecida pola historia.
Entón, nun intre da conversa, facendo gala dun ton de bo humor e desprendendo evidentes faíscas de afecto polas persoas que coñece dentro da dirección da Asociación, exclamou: ¡Estes do Couto Mixto son coma un clan! Ó cal eu lle respondín, co mesmo desenfado afectuoso, ¡mira que eu tamén son! Loxicamente, a actualidade reflectida estes días na prensa, levounos en devalada pola verea dun conato de polémica que se levantou a raíz da carta que o vicario xeral do episcopado ourensán lle remitiu ó presidente da Asociación, facéndolle saber que deberían ‘gardar’ a debida compostura no templo’ e ó mesmo tempo comunicándolle a preocupación do bispado ‘polo uso dunha igrexa para a celebración de actos culturais alleos á finalidade da mesma’, polo que, ‘para os vindeiros anos sería preferible a utilización doutros locais para a realización dos actos da devandita Asociación’. Entón eu faleilles de cómo lle deramos luz á asociación nos primeiros días do ano dous mil (curiosamente na adega da rectoral de Randín) e de cómo dende aquela, a solemnidade -que é un rango superior á compostura- presidiu tódolos actos que tiveron lugar baixo o tellado da capela de Santiago de Rubiás onde, o escano do adro da igrexa aínda reverbera os ecos dos debates dos homes de acordo que durante séculos rexeron os destinos dun lugar que hoxe volve estar no mapa de Galicia e Portugal por obra e gracia dun ‘clan’ -bendito clan- do que eu me enorgullezo por formar parte.
Previous articleEl Pais – El Obispado de Ourense prohíbe a una asociación cultural usar una capilla
Next articleEl Faro de Vigo – Un libro rescata la figura del empresario Ramón Obella, cofundador de Zeltia