La Region – A Merca e Celanova defenden que as lápidas vaian en galego

Laura Fernández

Os cemiterios de Parderrubias (A Merca) e Mourillós (Celanova) foron escenario onte dunha xornada de restauración da memoria lingüística de Galicia, “En galego, agora e sempre”. Un acto no que non faltaron os gaiteiros e os poetas, nunha terra galegofalante, onde as lápidas dos mortos son maioritariamente en castelán. “Non ten moito sentido que se aquí vivimos e falamos en galego, nas lápidas, nas pedras que poñemos para mandarnos á eternidade, poñamos unha lingua e unhas palabras que nós non usamos nunca na vida”, dixo ante aos seus conveciños Alfonso Grande, avogado e membro da Irmandade Xurídica Galega.
Ao seu carón, José González, vicepresidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, asentía. “Entregóuselles aos marmoristas, sen querer crear unha imaxe virtual distinta do que é a realidade. Uniformizan os cemiterios. Os epitafios debían ser epitafios sentidos e non de aluguer. Se as tumbas din todas o mesmo, despersonalizas a relación entre o vivo e o morto”, dixo o xurista. Con estas actividades, que ao longo de varias décadas veñen sucedéndose por todo o país, “nós pretendemos facer unha actividade de carácter pedagóxica. Este acto  pasa a formar parte do tecido capilar do país, porque a xente que hoxe está aquí falaralle á veciñanza doutros pobos… E iso vaise transmitindo”, dixo.
Encontros sinxelos, con 40 ou 80 veciños coma os que onte se xuntaron ao carón do camposanto de Santa Olaia e San Pedro, “pero que callan entre a xente. Eu fago unha comprobación sobre isto e sorpréndeme como a xente reflexiona ao respecto que aí se di”, afirma sinalando á placa instalada onte no val de Mourillós, “e é curioso porque alí onde se colocaron placas como estas, ao pouco empezaron a aparecer lápidas novas. Non podemos ser moi optimistas respecto das necrolóxicas que saen nos xornais. O número de esquelas en galego descendeu”, lamentaba González.
Referentes locais
Senllos actos foron tamén motivo para render sinxelos, pero moi emotivos, homenaxes a dúas persoas falecidas da parroquia. En Parderrubias, a homenaxeada foi Luzdivina Prieto (1909-1986), parteira e sanadora. “Os meus avós coñecéronse en Cuba, e todo o que a miña avoa aprendeu alí, púxoo en práctica neste pobo”,  lembraba onte a súa neta, María Luisa Seara, e tamén o alcalde, Manuel Garrido, quen destacou o seu carácter altruísta e solidario de quen foi un “faro” que traballou “a cambio de nada en prol da nosa comunidade”. No val de Mourillós a figura homenaxeada foi Manuel Castro, o “gaiteiro de Penalta” que inmortalizou Manuel Curros Enríquez nun dous seus poemas e de quen presumía ser alumno o zanfonista Faustino Santalices. Unha lembranza que contou coa intervención do alcalde, Antonio Puga, quen destacou a importancia de preservar a lingua, do escritor Antonio Piñeiro e Sara Feijoo, quen leeu uns versos do poema de Curros Enríquez.

Previous articleA Peneira – Para galeguizar o país debemos procurar novos agentes e unha politica linguística de maior periodicidade
Next articleLa Voz de Galicia – Dalgúns ovos de serpe do galego