La Opinion – Os excesos das memorias manipuladas

XOSÉ LUÍS AXEITOS

A Federación Española de Asociacións Científicas de Historia (FEACH), lemos na prensa, pide unha nova lei de arquivos alegando, entre outros, dous sólidos argumentos: a necesidade dos arquivos para a “reparación de esquecementos dorosos” e para “corrixir e combater os excesos das memorias manipuladas.”
Non moitos días antes Xosé González Domínguez, da AFNLG (Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia), publicaba outro artigo titulado Un monumento funerario para Manuel Murguía no que reclamaba, alegando o antecedente de Rosalía de Castro, un monumento digno para o Patriarca das Letras Galegas con ocasión do próximo centenario da súa morte acaecida, como sabemos, o 2 de febreiro de 1923. A petición inclúe, como motivo de dignificación, un epitafio en galego. Esta xusta reivindicación contribuiría, efectivamente, a combater os excesos das memorias manipuladas se temos en conta a anomalía dos epitafios en castelán nun territorio de fala galega. É evidente o paralelismo que garda esta anomalía co hábito inveterado da igrexa de oficiar en latín os ritos relixiosos para non verse atrapada nun rexistro plebeio, cando a poboación á que iban destinados falaba noutras linguas. Coas inscricións funerarias ocorría o mesmo, seguiron moito tempo sendo en latín (lingua sacra) entre unha poboación que falaba romance (lingua mundi).

A renovación do monumento a Murguía ten moi doada xustificación na historia universal da cultura funeraria. A figura de Murguía, constantemente revitalizada e afirmada despois da súa morte, acadou nos últimos anos a categoría de escultor da nación pola súa entrega á tarefa de lexitimar cientificamente as súas peculiaridades, refrendado este título social e colectivo coa biografía de Murguía, obra do historiador de Galicia por excelencia, Xosé R. Barreiro. Xusto é que se poida levantar un monumento acorde coa categoría intelectual que a sociedade en xeral e a comunidade académica lle outorga neste momento ao noso historiador. Calquera que estudie a traslación das tumbas dos papas no Vaticano decatarase de que a nobreza e visibilidade dos seus monumentos dependía tamén das distintas valoracións e devaluacións que provocaba a súa figura. Non rexeitemos tan valioso exemplo.

Aos deslexitimadores desta idea dun novo monumento con epitafio galego a Murguía xa lles contestou anticipadamente Aurelio Ribalta en 1888, que lle outorgaba ao Patriarca o título de avogado defensor de Galicia: “Su misión era hablar a los fariseos y a los gentiles. Su palabra, más que para nosotros, era para los ajenos, y le fue necesario hablar de modo que todos lo entendiesen… Lo primero que Murguía procuró fue que tuviésemos patria. Luego tendríamos idioma e Historia.”
Coidamos, na nosa particular lectura do artigo devandito, que indirectamente o autor da petición interpela as institucións políticas, Xunta de Galicia e Concello da Coruña, e a institución da que foi presidente Murguía, A RAG. Malia o tempo transcorrido desde agosto, non tivemos noticia de que se pronunciasen publicamente ningunha das tres; as dúas primeiras, probablemente, ocupadas e preocupadas polas eleccións vindeiras e a terceira ocupada na nobre e ardua tarefa de atopar a palabra do ano.

Pola nosa parte, queremos apoiar con entusiasmo a devanditra petición da Asociación de Funcionarios que preside Xosé González porque pretende corrixir, tal como argumentan os historiadores profesionais para a súa reivindicación, os excesos das memorias manipuladas.

Artículo anteriorLa Voz de Galicia – A Irmandade dá Sanidade Galega rende homenaxe ao oftalmólogo Antón Beiras
Artículo siguienteNos Diario – A medicina en galego: Antón Beiras