La Opinion – A república dos arraianos (II)

LINO BRAXE
Como recordarán aqueles que leran o artigo do luns pasado, prometín continuar contando a historia do Couto Misto, esa república silente de labregos e pastores libres, un lugar cuios habitantes, até o 1864, podían optar pola nacionalidade portuguesa ou española, aínda que o territorio non estaba ligado a nengunha das dúas coroas. O Couto naceu ao amparo do Castelo de Piconha, vinculado á Casa de Braganza, na Baixa Idade Media, e mantivo até a data sinalada con anterioridade a súa propia organización. O Couto gozaba duns privilexios e duns dereitos realmente únicos: os seus habitantes non estaban suxeitos aos efectos xurídicos de España ou Portugal, non estaban obrigados a tributar, non contribuían con soldados ao exército español ou portugués, posuían liberdade de comercio, non necesitaban de licencia para portar armas, nen as autoridades portuguesas nen as españolas podían ingresar no Couto perseguindo a un individuo -agás que o seu delito fose de sangue-, podían cultivar todo tipo de xéneros -incluido o tábaco-, etc., etc. Non lles parece incrible? Ademais, os veciños do Couto tiñan o privilexio do autogoverno. Tres xuízes, un por cada aldea, era eli xidos para desempeñar as funcións governativas, administrativas e xudiciais, auxiliados por un grupo de homens bons, eleitos tamén en cada un dos tres povoados. A existencia dun camiño inmune á acción das gardas fronteirizas, outro dos privilexios do Couto, camiño que comunicaba o enclave coa Vila portuguesa de Tourém atravesando as terras galegas de Randín nun percorrido duns seis kilómetros, propiciou o contrabando e a picaresca. Hoxe, érguense voces, desde a outra banda da fronteira, desde Portugal, que reivindican a actualización da vella república do Couto Misto, adaptándoa á realidade dos nosos días. O referendum celebrado no seu día parece non ter marcha atrás, e as tres aldeas do Couto elexiron ficar na Galiza, mais sí é posible criar unha zona franca, ou unha comarca que, sustentada nun pasado histórico, recobre parte da súa singularidade. Sería unha aventura digna de ser vivida. O que lamento é que algunhas das voces que desde Portugal avogan por esta aventura, estexan a falar de privilexios para as empresas que aló se asenten. Xa falei con algún empresario que quere montar un casino moi especial. Vamos, ao estilo de Mónaco, e xa sabemos cara onde virarán as vidas dos habitantes do Couto se a aposta é esa. Creo que as autoridades de España e Portugal deberían ser as que manexasen o asunto, tentando evitar que os especuladores e os negociantes sen escrúpulos entrasen no Couto a saco. Eu, mentres tanto os políticos non se aclaran, vou enviar unha carta aos xuízes da república dos labregos e pastores libres, solicitándolles a súa nacionalidade. Por ter máis dunha, vaia, que tamén é moi divertido. Aquí dou por rematada esta entrega sobre o Couto, a semana que vén volveremos á crúa realidade das noticias que xenera a nosa actualidade. Agardo que disfrutasen do noso peculiar Shangri-La.

Previous articleLa Opinion-A República dos Arraianos I
Next articleLa Region – Falece en Madrid o xeneral de división Gonzalo Jar Couselo