Desque se fundara a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia en 1983, sempre estivo presente entre os seus obxectivos estender aos usos xurídicos o noso idioma. O ordenamento xurídico, galego e estatal, daban cobertura a tales pretensións. A Lei de Normalización Lingüística e a Orgánica do Poder Xudicial abríanlle, pois, as portas á lingua galega nos procedementos xudiciais. Atentos a esas posibilidades promovimos moitas propostas que acabaron tomando forma de iniciativas parlamentarias, no noso Parlamento e no Congreso dos Deputados, nas que se solicitaban medios para facer efectiva a cooficialidade lingüística. Froito deste noso empeño foron os acordos de colaboración asinados entre a Xunta de Galicia e o Consello do Poder Xudicial polos que se organizaban cursos de lingua e de dereitos lingüísticos para xuíces e persoal xudicial. A Irmandade Xurídica Galega (I.X.U.G.A.) quere ser a continuadora dunha tradición de xuristas partidarios do uso da lingua galega na actividade xudicial. Sebastián Martínez Risco, Roberto González Pastoriza, Ramón Carballal Pernas, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo, Arturo Noguerol… forman parte dunha numerosa nómina de funcionarios xudiciais e avogados que quixeron restablecer o uso da lingua galega nas instancias xudiciais, continuando cunha tradición interrompida durante séculos; Arela fanada por mor da sublevación militar do ano 1936, que cortou de raíz aquela aspiración. Sen embargo, resultado do seu maxisterio é o número cada vez maior de xuíces, maxistrados e secretarios xudiciais, que co inestimable apoio doutros funcionarios, devolvéronlle á lingua galega o prestixio co seu uso nos procedementos. Merecen especial mención pola súa vocación galeguizadora os maxistrados falecidos Daniel García Ramos, Orencio Pérez González e Xosé Luís Albés López. A carón deles estiveron incentivando este proceso normalizador desde a decada dos oitenta os maxistrados Xosé Xoán Barreiro Prado, Fernando Leiceaga Fernández, Luciano Varela Castro, e os fiscais Benito Montero Prego, Xoán Horro González e Carlos Varela García. O seu exemplo foi secundado posteriormente por unha ampla nómina de xuíces, maxistrados e fiscais. O 21 de xuño 2008 celebrouse no mosteiro de Celanova a constitución da Irmandade Xurídica Galega, que aglutina, amais de persoal xudicial a outros profesionais do Dereito, dispostos a dinamizaren a actividade xudicial. Nun acto cheo de formalidades e ritos foron investidos coa toga da Irmandade Xurídica Galega vintedous xuristas (maxistrados, xuices, fiscais e avogados) e cinco funcionarios e funcionarias xudiciais aos que se lle impuso a medalla da Irmandade.