Desde Varela de Montes e o seu coetáneo Jesús Rodríguez López ata Fausto Galdo, recentemente homenaxeado pola Irmandade da Sanidade Galega, pasando por Rof Carballo, García-Sabell, Nóvoa Santos, Obella Vidal… a historia da medicina en Galicia ofrécenos unha nómina extensísima de profesionais da sanidade que vencellaron a súa actividade co humanismo galeguista.
A medicina sicosomática afirma que unha enfermidade é o mesmo en Málaga que en Galicia, efectivamente é asi, pero o doente andaluz nada tenque ver co galego. O ámbito cultural e territorial no que se move o paciente que está a tratamento médico é un factor determinante para comprender o seu comportamento fronte á doenza, ou mesmos outras motivacións que un médico debe ter en conta para facer un diagnóstico certeiro.
A Irmandade da Sanidade Galega é unha plataforma de profesionais da sanidade no sentido máis amplo da acepción, que ten como obxectivo único afortalar o galeguismo e o humanismo como instrumento para comprender a idiosincrasia do doente, facendo fincapé na valoración positiva e uso da lingua galega na relación cos usuarios dos seus servizos.
Os sanitarios galegos están chamados a impedir que a nosa lingua desapareza dos centros de saúde -públicos e privados- desenvolvendo as súas actividades na nosa lingua. A Irmandade da Sanidade Galega afirma que o uso da lingua galega na relación cos pacientes ten efectos terapéuticos, porque aproxima os curadores aos doentes que se expresan no idioma propio por seren capaces de expresárense mellor.
A ISAGA constitúese para traballar e implicar aos profesionais da medicina no fomento da lingua de noso, o galego, que é a lingua do pobo e no humanismo da tradición médica galega.
O Plan Xeral de Normalización Lingüística constata o feito certo de que a sanidade é o sector público máis desgaleguizado. Esa circunstancia evidencia que na creba do binomio lingua-relación cos usuarios dos servizos hospitalarios, pérdese humanización. Esa carencia afecta de maneira directa ao doente que se sitúa unha relación de dependencia co sanitario que o atende, obrigándoo a renunciar ao seu código de comunicación habitual; limitado éste, a espontaneidade do doente diminúe ata o punto de non saber comunicarse axeitadamente co persoal que o está tratando.
A antropoloxía médica galega non é nada novo. Vén de vello. Podémonos trasladar a comezos do século pasado e referirnos aos traballos de investigación de Roberto Nóvoa Santos e de tódolos integrantes da Escola Médica Compostela, formada por egrexios galenos que souberon descifrar a idiosincrasia do pobo galego. Máis modernamente están os estudos dos doutores Emilio González Iglesias, David Simón Lorda ou Santiago Lamas, éste último cunha obra ensaística de notable éxito editorial “A Galicia borrosa”.
Para a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, a deshumanización da medicina hai que localizala nas súas oríxes: na Facultade de Medicina, caracterizada polo seu tradicional afastamento da cultura galega. Tamén nas escolas de enfermería e outros centros de formación profesional nos que os currículos académicos non contemplan o coñecemento da tradición popular coa súa peculiar visión da medicina, na que priman o autodiagnose ou a procura de axuda en atávicos métodos anticientíficos. Son moitas as monografías que ao respecto se teñen publicado que informan desa relación entre a ciencia e outros medios de curación.
Malia este déficit sempre houbo en Galicia médicos de familia que exerceron a súa profesión inculturizados na cultura do País, acadando o respecto dos galegos que miraban neles a alguén que os entendía en clave cultural.
Para a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística é importante principiar un traballo de reencontro dos profesionais sanitarios coa cultura e lingua dos usuarios de dispensarios médicos e hospitais. A tal fin proponse crear a IRMANDADE DA SANIDADE GALEGA (ISAGA), na que terán cabida tódolos sectores da sanidade: médicos, técnicos sanitarios e persoal auxiliar. Levaremos a cabo un labor pedagóxico semellante ao realizados noutras administracións públicas.
A ISAGA celebrará diversos actos para reivindicar a memoria e o bo facer daqueles médicos rurais ou non, que lle cadran á filosofía que pretendemos poñer en valor. Os doutores Xesús López Rodriguez, autor de “Supersticiones de Galicia y preocupaciones Vulgares”; Roberto Nóvoa Santos; Domingo García Sabell; Juan Rof Carballo; Xosé M. López Nogueira; Manuel Reimondez Portela; José Zunzunegui Freire; Dario Álvarez Blázquez, etc… constitúen parte dunha amplísima nómina de galenos que exerceron a medicina desde o coñecemento da idiosincrasia galega.
A ISAGA pretende emular outros exemplos preparando un libro titulado “Contos da Sanidade” aberto á participación dos profesionais sanitarios que desde unha clave antropomédica acheguen aos lectores o coñecemento da peculiariade do doente galego.
Tamén seguindo o ronsel doutras iniciativas da AFNLG como a Irmandade Xurídica Galega, a ISAGA celebrará unha sesión académica anual na que se renderá homenaxe a un personaxe egrexio da medicina galega e na que se imporán as “becas da galeguidade” a cantos se acheguen á nova formación co ánimo de practicaren e espallaren a filosofía do galeguismo e o humanismo na actividade profesional.