Galiciaé – Lembrando o pasado

Couto Mixto, as tres chaves da memoria

Unha república dos soños cunha orixe da que moito se di e nada se sabe. Quizais, como contan as lendas, fose cousa dunha princesa fuxitiva que estaba embarazada e lle concedeu unha morea de privilexios ós veciños das aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, situadas entre Verín e Xinzo, como agradecemento polos coidados que lle prestaron. Ou, se cadra, non foi máis que a consecuencia duns prosaicos e remotos feitos cotiáns. Pero a realidade é que entre o século XII e o XIX existiu un anaquiño de terra perdido nalgún lugar entre Ourense e Portugal con dereitos e deberes de seu.

Se a súa orixe é incerta, un documento asinado en 1819 no adro da Igrexa de Santiago dos Mixtos daba conta da efectiva concesión dos privilexios ás tres aldeas, ó tempo que as ligaba coa casa da Bragança, e recoñecía a dependencia espiritual que o enclave tiña coa diócese de Ourense. Algo que non debe de estrañar, xa que a poboación portuguesa do outro extremo da raia tamén formou parte da mita ourensá ata finais do XIX.

Entre os beneficios que se desfrutaban no Couto estaban os de dar asilo para os fuxidos da xustiza lusa ou española, non contribuír con homes a ningún exército e practicar o libre comercio, sen renderlle contas a ninguén, por un itinerario chamado Camiño Privilexiado que aínda hoxe se conserva. Ficaban tamén exentos de cargas fiscais a favor de España ou Portugal, tiñan dereito a escoller ós seus propios gobernantes e ningún negocio xurídico precisaba do emprego de papel selado ou de impresos oficiais dentro do seu territorio.

A memoria baixo chave
Non foi ata 1864, data na que se definieron finalmente as fronteiras que hoxe fican vixentes, cando as aldeas pasaron a formar parte do noso país. Rematou daquela un sistema de goberno que se organizaba ó redor dunha representación paritaria na toma de decisións, unha igualdade materializada nunha arca pechada con tres chaves que gardaba baixo a súa tapa os selos e documentos oficiais do lugar. Cada unha das chaves ficaba custodiada polo representante dunha das aldeas.

Ademais deles, elixianse periodicamente os xuíces do Couto, encargados do goberno e de administrar a xustiza. A día de hoxe, o baúl está restaurado e gárdase coma o símbolo que lembra un tempo pasado que semella esquecido. O sometemento á lexislación estatal foi debilitando ós poucos a identidade desta república dos soños.

Cando a independencia rematou de facto, froito dunha laboriosa negociación que durou máis dunha década, emerxeu o contrabando entre os dous países que durou ata 1960. De Portugal viña o tabaco, medicamentos, xabón, azucre, bacallao e sal, tan importante este último para a matanza e para a conservación dos alimentos nunha época na que non había unha neveira en cada casa. Os portugueses levaban do Couto sobre todo calzado. Saían do seu país cos zapatos vellos para tiralos en calquera cuneta e voltar cos novos, sen que ninguén puidese reprocharlles nunca nada.

O pobo do que non se fala non existe
Pero non foi ata finais dos noventa cando o Couto Mixto comezou a emerxer de novo e ocupou a primeira plana da actualidade cultural galega. 1998 convértese nun ano clave, a data na que renace a arca das tres chaves, unha idea impulsada polos veciños nunha tentativa de recuperar a que foi a súa memoria histórica. A Andorra galega, como alguén a definiu, defendía a súa singularidade sen reclamar a vella independencia da que gozaron noutro tempo.

Hoxe o Couto volve estar na boca de todos. Dende o 2000 a Igrexa de Santiago dos Mixtos, a mesma que noutrora fora testemuña da concesión dos privilexios ó Couto, vén acollendo por estas datas unha cerimonia anual que recrea a historia, o modo de vida e as personalidades daquel tempo. Dende entón, o lugar conta con tres xuices honorarios renovados en cada acto. Tamén se procede á imposición das capas que distinguirán ós homes de acordo e ó vigario do ano.

Rotura do silencio
Os homenaxeados con tan honrosa distinción no acto desta mañá foron Máximo Salinas, Laura Seara, Alberto Fidalgo e Miguel Blanco. Os catro recibiron a vara demando e a chave do arcón onde se garda a historia dun tempo pasado. Respecto das razóns que os fan merecentes deste recoñecemento, Salinas foi o primeiro presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto, ademais dun dos seus principais impulsores. Os seus traballos de investigación contribuíron ó coñecemento da realidade socioeconómica e cultural deste enclave e dos pobos arraianos.

De Seara e Fidalgo, deputados do Parlamento galego e do Congreso respectivamente, agradecese a súa defensa do Couto Mixto coa presentación de senllas proposicións non de lei ante as dúas cámaras que acadaron o apoio unánime de tódolos grupos para o recoñecemento histórico da realidade daquel territorio singular.

O derradeiro homenaxeado é Miguel Blanco, crego do Couto, pola súa contribución a recuperar a identidade dun lugar privilexiado que morreu co nacemento dunha lei de lindes entre Galicia e Portugal.

Todos eles contribuíron a que dende este ano nada volva ser igual. O nome do pobo que ficou mergullado no esquecemento das institucións e da memoria colectiva durante cento corenta e tres anos figura agora en documentos oficiais nos que se recoñece a súa singularidade e o seu carácter histórico-cultural. Rómpese así un silencio que comezara coa sinatura do Tratado de Lisboa, polo que a raia que separa Galicia e Portugal se marcou a ferro, deixando do lado galego ós pobos do Couto Mixto.