Galicia Confidencial – XXV Premios Peña Novo, o recoñecemento do maxisterio galeguizador

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

No patio de armas do histórico castelo de Soutomaior celebrarase o acto da entrega dos Premios Peña Novo o próximo día 26 do mes que andamos. Un convocatoria que todos os anos vén congregando a centos de amigas e amigos procedentes de diversos lugares da xeografía galega para testermuñaren a merecida homenaxe e recoñecemento público a aquelas persosas merecentes del polo seu bo facer na dignificación da nosa lingua.

A vixésima quinta Edicións dos Premios Peña Novo recaíron este anos en tres persoas de probada galeguidade en cadansúa actividade profesional.

A don Manuel Bermejo Patiño, profesor emérito da USC recoñécelle o xurado a coherencia na utilización da lingua galega durante toda a súa vida académica e investigadora. A súa docencia no Departamento de Química inorgánica que dirixíu foi sementeira frutífera entre o seu alumnado. Contribuíu á preparación de materiais didácticos para a impartición de materias científicas en galego e unha produción científica de máis de douscentos traballos científicos no noso idioma.

Dona Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado de violencia de xénero de Vigo ten no seu haber o meritorio exercicio da súa actividade xurisdicional realizada en lingua galega, ditando milleiros de sentenzas e resolucións no noso idioma.

Recoñécelle o xurado o seu dilatado labor a prol da normalización lingüística nun ámbito no que, aínda que semelle paradóxico, a xustiza impártese nunha lingua distinta da maioría dos usuarios que apelan a ela para atoparen protección dos seus dereitos; sendo un deles o de poder dirixirse ao poder xudicial en galego e recibir sentenza no mesmo idioma.

A don Carlos Salgado López, profesor titular do Departamento de Física de partículas da USC e Director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, lóuvaselle o seu compromiso permanente coa lingua galega na súa actividade investigadora, altamente especializada, que o sitúan entre os mellores científicos na súa materia, tanto en España como en Europa. O seu maxisterio é un exemplo a imitar polas novas promocións de científicos que deica agora non consideraban apto o noso idioma para a investigación.

Todos os tres comparten en cadansúa área de coñecemento o prestixio do seu exercicio profesional e un maxisterio teimudo. Velaí a importancia das condutas individuais para superar atrancos ou desleixos institucionais no fomento do noso idioma. Son continuadores tamén dunha tradición que iniciaron outros con anterioridade en momentos de maiores dificultades e sen a protección legal que hoxe ampara o exercicio da galeguidade. Porque temos un marco xurídico que permite o desenvolvemento do exercicio profesional no noso idioma, que defende os dereitos da cidadanía a ser formada e informada en lingua galega.

Os profesores Manuel Bermejo, Carlos Salgado e a xuíza Paz Filgueira están a promover un cambio de actitudes na sociedade. Fan posible que ali onde había medo agrome o orgullo de sermos máis nós, e onde había claudicante vulgaridade e sometemento, agora se recoñeza a orixinalidade, que é prestixio e distinción. Eis as razóns para seren merecentes dos galardóns que se lles conceden.

Amigo ou amiga lectora, queda convidado á entrega dos Premios Peña Novo.

Previous articleGalicia Digital – XXV Premios Peña Novo, o recoñecemento do maxisterio galeguizador
Next articleLa Región – XXV Premios Peña Novo, o recoñecemento do maxisterio galeguizador