Faro de Vigo – XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Hai trinta e cinco anos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüísticos constituíu un grupo de xuristas que co decorrer do tempo habían ser figuras senlleiras na utilización do noso idioma nos usos xurídicos. Tres delese faleceron desgrazadamente en distintos meses de 1989. Daniel García Ramos, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia foi o primeiro que utilizou a lingua galega na vista oral do procedemento, incluída a sentenza, que xulgaba a un exvicepresidente da Xunta de Galicia. Anos antes, en tempos da Audiencia Territorial, Claudio Movilla Álvarez, maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo foi o relator da primeira sentenza ditada en lingua galega en 1984 despois de estar proscrita durante catro séculos; e o maxistrado Orencio Pérez González, un exemplo de coherencia lingüística, mentres foi titular do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución número 5 de Vigo.

Par deles hai tres figuras máis. O exFiscal Superior de Galicia, Carlos Varela Garcia que durante os dez anos que foi titular deste órgano xurisdicional utilizou a lingua galega tanto na na escrita como na oralidade,pública e privada, prestixiando a institución con  exitosas iniciativas, sen precedentes na  historia da devandita institución fiscal, acadando o recoñecemento público dos movementos sociais moi activos do país en anos convulsos por mor  do fraude dos produtos tóxicos bancarios. Outra figura senlleira foi Victorino Gutiérrez Aller. Da súa actividade a prol da normalización da lingua galega dan fe  os protocolos  notariais que se contan por milleiros. Por poñer un exemplo,  máis de doce mil títulos de propiedade dn lingua galega como consecuencia da concentración parcelaria na comarca do Deza avalan o seu afán galeguizador. A súa pedagoxía galeguizadora deixou pegada na comarca da súa xurisdición. Da súa autoría é tamén o imprescindible Formulario Notarial.

Outro exemplo  excepcional é o do maxistrado-Presidente da Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, Xosé Xoán Barreiro Prado, merecente de ser comentado pola  transcendencia que terá na historia da galeguización da xudicatura en Galicia.  Ditou milleiros de sentenzas e resolucións xudiciais desde o seu ingreso na carreira xudicial. Compre recoñecerlle que como prepador de opositores  conseguíu crear unha verdadeira escola xudicial galeguista; a inmensa maioría dos xuíces e xuízas que utilizan a lingua galega no seu labor xurisdicional foron alumnos seus. Esta é a súa patriótica relevancia histórica.

En trinta e cinco anos como dicimos ao comezo desta colaboración, o labor por galeguizar a actividade xurídica e xudicial foi incesante. Organizáronse actividades para rescatar figuras egrexias do Dereito, e mobilizáronse  concellos e deputacións para que os seus servizos xurídicos utilicen a lingua galega nos procedementos presentados perantes todos os órganos xurisdicionais, insistindo na necesidade de incluír unha cláusula específica (“outrosi digo”) solicitando consonte co dereito  vixente o uso da lingua galega nas resolucións xudiciais. Por máis que teimou a Irmandade para que os servizos xurídicos da Xunta de Galicia fixesen o mesmo a proposta non acadou a receptividade desexada, nin por parte dos letrados nin  da respectiva Dirección Xeral.Un  comportamento nada exemplar. Tampouco foi atendida a demanda de dotar de programas informáticos en galego ás oficinas xudiciais para facer efectivo o principio da cooficialidade lingüística establecido polo ordenamento xurídico.

Con estes vimbios o próximo día 22 celebrarase a XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega no Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela. Dezaseis novos xurista (maxistrados/as fiscais e profesionais do Dereito) ingresarán cumprimentando as formalidades establecidas de compromiso coa lingua. Será homenaxeado coa insignia de ouro o letrado Alberte Xullo Rodríguez Feixóo pola súa dilatada utilización da lingua galega na actividade profesional.

Previous articleGalicia Confidencial – XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
Next articleDiario De Santiago – XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega