Galicia confidencial – Por unhas festas máis galegas

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Pasou o día, pasou a romaría; e de hoxe nun ano. O dito repítese unha e mil veces cun certo aquel de tristura; tantas como festas se celebran durante o ano en Galicia. As máis delas cunha programación rotineira, sen ningún interese ou singularidade que as faga merecentes das atencións dos que buscan nelas a nota de orixinalidade. A falta de imaxinación da que fan gala os seus organizadores vai parella coa desmedida voracidade dos que miran nelas unha fonte inesgotable para faceren negocio. Refírome a esas empresas de espectáculos que ofrecen orquestras e atraccións desgaleguizadas.

Por volta dos anos oitenta puxemos en marcha a campaña das “Mil festas máis para a lingua galega” co ánimo de mudar estes comportamentos que tanto dano lle estaba a facer ao noso patrimonio cultural. A iniciativa recollía un decálogo de propostas para incorporar a lingua galega nas convocatorias e celebracións dos espazos festeiros.

Unha das dez propostas referíase ao himno galego, que a Lei de Símbolos de Galicia lle dá rango de oficial, ao igual que a bandeira, sempre tan mal tratada, tanto polo rídiculo número delas como polas súas diminutas dimensións en comparanza coa do Estado, sempre grandísima. Era costume que na celebración da misa maior, no momento da consagración, a banda de música interpretase os acordes do himno español. Nós, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, propoñiamos substituílo polo noso himno. Alomenos, nas festas municipais, as organizadas polos concellos. Con esta pretensión reunín a un grupo de alcaldes das cidades e vilas máis importantes de Galicia. Cando leron a proposta, moitos deles botaron as mans á cabeza, asorados, como a do inesquencible Xaime Quintanilla, a quen os facistas pasearan ao seu pai, cando era alcalde do Ferrol coma o seu fillo. “Isto non podo facelo, mátanme no Ferrol”, díxo moi afectado. Consideraban que a substitución dun himno por outro podería ter consecuencias tráxicas. Insistín dicíndolles que tiñamos que ser imaxinativos e audaces para escorrentarmos os medos colectivos. E aínda lles engadín: o españolismo é unha engañifa de papel á que non hai que terlle tanto medo reverencial.

En Redondela, nas festas da Coca, deixáronme levar adiante a proposta. Chamei ao director da banda de música e díxenlle que tiñan que interpretar a partitura de Pascual Veiga. A súa resposta foi a mesma ca dos alcaldes. Quen paga manda -con cartos do Concello-, retruquéille. Interpretaron os acordes do himno e non houbo reacións negativas que salientar, e os xornais encargáronse de publicitar aquela novidade. Co paso do tempo este costume foise extendendo e hoxe pódese dicir que xa é unha tradición asumida pola Igrexa, a cidadanía e agrupacións musicais.

Vén isto a conto porque estamos ás portas do mes máis festeiro do ano. As comisións de festas en conxunto xa investiron cifras astronómicas de euros nas respectivas celebracións. Pero, como apuntaba o comezo, as máis delas permiten a intromisión de expresións culturais alleas que erosionan a nosa. A falta de criterios é o resultado da escasa autoestima de moitos galegos.

Lembro con señardade aquel cartel que tiven nas miñas mans das festas do Santiago, da parroquia de Esposende (Ribadavia), que en 1934 estaba redactado en galego que incluía un pregón de Álvaro das Casas. Dicíame un dos sobrevivintes que as súas palabras conmoveran ás xentes que as escoitaron, acendendo neles o sentemento e amor patrio.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), no decálogo da campaña das “Mil festas”, propón que en todas as festas se inclúa a figura do “pregoeiro”, para situalas no seu contexto territorial e cultural, sobranceando os valores patrimoniais -materiais e inmateriais- da parroquia, que adoitan seren descoñecidos mesmo polos propios veciños. A festa como espazo de lecer, de reencontro coas nosas raíces, co espírito aberto a abrazar a causa da nosa identidade; velaí a filosofía desta campaña que chama á defensa do noso.

Estes días a ANFLG volve lanzar un anuncio publicitario polas redes sociais ( www.galeguizargalicia.gal) como vén facendo todos os anos. Algúns deses anuncios en anos precedentes chegaron a alcanzar máis de cincuenta mil reproducións.

Todos podemos contribuir a galeguizar os espazos festivos. As comisións de festas, facendo programacións orixinais; os veciños, condicionando as súas achegas a que a cultura e a lingua estean presentes nos programas coa incorporación de grupos de música tradicionais; as orquestras, a versionaren en galego o seu repertorio; e os concellos a artellaren campañas para sensibilizar a uns e a outros na conquista destes obxectivos. Todo vale a pena cando a alma non é pequena, dixera Pessoa.

Previous articleFaro de Vigo – Por unhas festas máis galegas
Next articleGalicia Confidencial – En agosto, comer e beber do noso