Alberte X. Araúxo
Na Irmandade da Sanidade Galega vimos de celebrar hai ben pouco a cuarta asemblea xeral, na que se homenaxeou a obra e figura do Dr. López Nogueira, polo seu labor a prol da nosa lingua. A existencia da ISG é, en si mesma, unha anomalía necesaria. Anomalía por canto irmanarse para defender o uso normalizado da lingua propia do país, nunha actividade tan esencial como a sanitaria, parecería algo incomprensíbel e mesmo extravagante. Necesaria por canto a nosa lingua esmorece.
Tamén no ámbito sanitario. Necesaria tamén porque cómpre restarlle forzas ao colaboracionismo lingüicida. A misión e obxectivo da ISG é “traballar e implicar aos profesionais da medicina no fomento da lingua de noso, o galego, que é a lingua do pobo e no humanismo da tradición médica galega”. É dicir, promover entre os irmandiños o uso do galego en toda a actividade sanitaria, tanto na fala como na escrita. Porque sucede que, tamén na relación cos doentes, malia estos falar galego, o castelán priorízase. E se ben o galego está presente na relación cos pacientes, é testemuñal nos documentos médicos e nas actividades científico-asistenciais. Paradoxalmente, existe un coñecemento extenso da nosa lingua entre os profesionais sanitarios, como nunca sucedera, xa que os máis novos estudaron a nosa lingua, tendo plena competencia para falala e escribila. O galego segue a ser a lingua maioritaria dos usuarios dos servizos públicos sanitarios, mentras que o seu uso normalizado por parte dos profesionais sanitarios é excepcional.
Os datos da recente enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego son preocupantes. O galego está máis ameazado que nunca, ao deixar de ser lingua de uso cotián entre os máis novos, ficando comprometida a continuidade xeracional. Sobre esa enquisa téñense escrito barbaridades que avergoñan a calquera cun pensamento minimamente riguroso. É difícil apostar por cal apunta máis alto en frivolidade e tendenciosidade. Nun bo posto, sen dúbida, a dun colérico e mediático profesor universitario, acusando aos que empregamos o galego e o defendemos, de seren responsabeis da súa agonía – en qué estudos basa a súa opinión este señor profesor?-. Non lle queda lonxe a do presidente da Xunta, Núñez Feixóo, deitando culpas no lombo dos pais de nenos e mozos. Qué lucernario o deste individuo!. El nunca estivo comprometido na defensa da lingua: nin pola súa deficiente e sistemática torpeza na fala, nin pola súa devoción como lector, nin pola política lingüística do seu goberno. Non cómpre afondar nas opinións do Conselleiro de Educación e Cultura e do seu equipo, militantes na impostura e cinismo do seu presidente. Mais estas falsedades na interpretación da enquisa do IGE xa foron respostadas abondo por persoas de amplo coñecemento e rigor, nun abano plural de posicionamentos ideolóxicos (P. García Negro, F. Rodríguez, X. L. Franco Grande e V. Freixanes, entre outros). A ninguén se lle escapa xa, por ter sido argumentado, demostrado e mesmo anticipado, que os cambios sociolóxicos e culturais, condicionados pola situación política e económica de Galiza no Estado español, xunto ca estratexia calculada contra o galego por parte dos gobernos do PP, están na raíz e causa da peor situación da nosa lingua na súa historia. Nada a ver ca evolución seguida polo catalán e o éuscaro: linguas que contaron e contan co apoio explícito, certo, planificado e riguroso do poder político. Para o PP o galego é un idioma de segunda, cun papel de segunda, nun país de segunda. É o seu credo real. Por iso, xa só por iso, cómpre esforzármonos para mudar un goberno que, ademais de empobrecernos, non aforra esforzos para esnaquizar o noso ben cultural máis prezado: o galego.
Tristemente a preocupación polo futuro do noso idioma aumenta nestes tempos de cambio certo, ao coñecer o posicionamento de destacados dirixentes de Podemos. As declaracións na prensa de Carolina Bescansa-compostelá residente en Madrid, e Secretaria de Análise Política da dirección dese partido- sobre a normalización do galego, son decepcionantes. Despois de facer unha defensa teórica do importante papel das linguas e da cultura –discurso da esquerda española nada novedoso-, sitúa a política de normalización lingüística na Galiza dentro do “por decidir”. Un posicionamento de ambigüedade calculada que sempre agroma cando o tema lles proe. C. Bescansa, moi presente estos días nos medios de comunicación galegos, completa o seu círculo de opinións minimizando a importancia dos dereitos políticos da nosa nación, cunha demagóxica e falsa confrontación ao respecto doutras preocupacións supostamente máis reais. Cántas veces téñense escoitado neste país eses argumentos para deslexitimar todo o que soe a elemento diferencial, identitario e de reivindicación soberanista, como se de aspectos secundarios se tratase?. Vetusta argumentación. Trátase novamente de difuminar e negar todo o que sitúe a Galiza como suxeito político. Comezando pola súa lingua. Cómpre non esquecer que a dirección de Podemos –o seu Consejo Ciudadano- está integrada masivamente, en máis dun 70%, por persoas das comunidades de Madrid e Castela. Se esas opinións son as que asume Podemos, situaríase na ben coñecida tradición da esquerda española, centralista e uniformizadora. Sería unha terríbel decepción, por máis que se definan programaticamente con plantexamentos de esquerda radical no social e no económico. Non sería unha boa noticia para o noso idioma, nin para o noso país. Na defensa do noso, da nosa lingua tamén, poderemos por nós mesmos.