Galicia Confidencial – Piden que os veciños do Couto Mixto teñan nacionalidade española e portuguesa

A Asociación de Amigos do Couto Mixto solicitará á Xunta que declare esta comarca como Territorio Histórico amparándose na nova Lei de Patrimonio Cultural.

A Asociación de Amigos do Couto Mixto pediralle aos gobernos español e portugués a dobre nacionalidade para os veciños de Santiago, Rubiás e Meaus, en Galicia, e os pobos portugueses de Cambedo, Soutelinho e Lama de Arcas.

Esta medida xa se aprobou en xaneiro de 1915 para os veciños do concello extremeño de Olivenza, despois de que a asociación “Além Guadiana”, procurase tal privilexio polo recoñecemento histórico dunha entidade territorial que ata 1801 foi portuguesa.

Tendo en conta que as vicisitudes históricas son semellantes á dos “pobos promíscuos”, Cambedo, Sotelinho e Lamadarcos, que ata a Lei de Límites de 1868 foran galegas, e o Couto Mixto un territorio independente baixo a tutela das Casas de Bragança e Monterrei, a Asociación de Amigos do Couto Mixto solicitará dos gobernos portugués e español idéntico tratamento.

Tamén lle pedirán á Xunta de Galicia a declaración de Territorio Histórico para esta comarca de 30 quilómetros cadrados. Así, lembra que Lei do Patrimonio Cultural de Galicia aprobada polo Parlamento de Galicia define o territorio como “aquela paraxe natural vinculada a acontecementos ou recordos do pasado” e, polo tanto, pedirá a declaración e inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia o que no seu día foi esta entidade territorial.
Asemade, a Asociación de Amigos do Couto Mixto solicitará que os Concellos de Baltar e Calvos de Randín, que teñen xurisdicións nas parroquias que o integran, aproben senllas mocións que lles serán enviadas para sumárense á declaración de territorio histórico.

Nunha sesión celebrada o pasado día 9, a entidade tamén acordou celebrar o día 2 de xullo o tradicional acto de nomeamento dos Xuíces Honorarios na igrexa de Santiago de Rubiás á Eurocidade Tui-Valença, 2nafronteira –dúo musical composto por Carme Penim e Maurizio Polsinelli e a Asociación Galego-Portuguesa de profesores pola paz.

Finalmente, renderá unha homenaxe aos homes e mulleres das Irmandades da Fala porque “no seu ideario contemplaron a realidade histórica, xeográfica e cultura dos pobos arraianos, para que chegaron a pedir que os seus cidadáns puidesen transitar a fronteira sen necesidade de pasaportes”.

O día 2 de xullo celebrarase unha concentración de grupos de música tradical arraianos que farán pública a “Declaración de apoio á música tradicional arraiana”, que será lembrada coa plantación dun ciprese no adro da igrexa de Santiago de Rubiás.

Previous articleLa Region – Homenaxe “xusto e necesario” ao xinecólogo Manuel Peña Rei
Next articleFaro de Vigo – Couto Mixto